Mar destaca a contribución da muller ao sector do mar nunha xornada do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na inauguración do encontro

Vigo, 19 de maio do 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na inauguración da xornada-coloquio A Muller no Mar, organizada polo Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo con motivo do Día Internacional da Muller no Sector Marítimo.

Na súa intervención, V. Suárez puxo de relevo a importancia de seguir avanzando na igualdade de oportunidades e no recoñecemento do papel feminino en todos os ámbitos vinculados ao mar, desde a pesca e a navegación ata a formación, a enxeñaría ou a xestión empresarial.

A este respecto, indicou que “o futuro do sector marítimo-pesqueiro galego pasa por aproveitar todo o talento dispoñible e continuar promovendo contornos formativos e profesionais inclusivos, capaces de ofrecer novas oportunidades ás futuras xeracións”.

O encontro reuniu alumnado, profesorado e profesionais do ámbito marítimo-pesqueiro, co fin de visibilizar a presenza e a contribución das mulleres nun sector estratéxico para Galicia. Para iso, ademais da directora xeral, contou coa intervención de cinco profesionais vinculadas a diferentes ámbitos do sector: Pilar Otero, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca) e directora de administración do Frigorífico Rosa dos Ventos e presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca); Rosa Meijide, xefa do Departamento de Formación de ARVI; Carmen Chamorro, patroa de pesca de altura, redeira e armadora do buque cerqueiro Cha Veiga; Ángeles Marcote, graduada en Enxeñaría Mariña e xefa de Máquinas; e Nuria Belén Rodríguez, alumna en prácticas do ciclo superior de Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/05/2026