A Xunta pon en valor a Festa da Xouba de Rianxo como un exemplo de pesca sostible e valorización dos produtos do mar
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou no acto de apertura da XXXI edición desta cita gastronómica no Pazo de Martelo
O responsable autonómico puxo en valor a arte do xeito, unha técnica ancestral e respectuosa que empregan preto de 115 embarcacións con porto base no municipio rianxeiro
Rianxo (A Coruña), 22 de xullo de 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, asistiu hoxe no Pazo de Martelo á inauguración da XXXI Festa da Xouba de Rianxo, onde destacou o compromiso da Xunta coa promoción dos produtos marítimo-pesqueiros e co respaldo ás artes de pesca tradicionais e sostibles.
Durante a súa intervención, o responsable autonómico subliñou que esta cita gastronómica e cultural —organizada pola Asociación Rianxeira de Empresarios co apoio da Consellería do Mar— é moito máis ca un evento festivo: é un escaparate fundamental para poñer en valor o traballo diario dos mariñeiros e a calidade dos produtos do mar da costa galega.
En palabras do director xeral, Rianxo constitúe o corazón e a vangarda dunha técnica ancestral única como é a arte do xeito. Trátase dunha arte de enmalle de deriva, selectiva e artesanal. A vila rianxeira concentra preto de 115 embarcacións autorizadas para esta pesca, o que supón a metade de toda a frota que traballa con esta modalidade na ría de Arousa.
Neste sentido, Isaac Rosón puxo de manifesto a importancia do selo de calidade «Xouba de Rianxo, Pesca Artesanal, Arte do Xeito», unha marca colectiva implantada no ano 2023 que dota ao produto dunha identidade propia e permite ao consumidor verificar a súa orixe e trazabilidade a través dun código QR.
O responsable de Pesca salientou tamén os datos positivos rexistrados no sector durante o pasado exercicio 2025, no que as lonxas galegas comercializaron máis de 14.600 toneladas de sardiña e xouba, superando os 21,8 millóns de euros en primeira venda, o que supuxo un incremento na facturación de máis do 31 % respecto ao ano anterior.
Ampla programación gastronómica e cultural
A XXXI Festa da Xouba de Rianxo estenderase ata o vindeiro domingo 26 de xullo cunha completa axenda de actividades que inclúe degustacións populares nas que a xouba se preparará asada á grella, en escabeche, frita ou na tradicional empanada de millo. A programación compleméntase coa exposición efémera «Rostros do noso mar» no Pazo de Martelo, o roteiro gastronómico “Un mar de tapas”, espectáculos musicais e de danza tradicional, e a celebración simultánea da Feira do Libro no municipio.