O conselleiro de Sanidade respondeu a unha interpelación sobre a atención primaria no Pleno do Parlamento

Gómez Caamaño subliña que os esforzos de xestión da Xunta permiten contar cunha bolsa de 239 facultativos para realizar gardas voluntarias nos puntos de atención continuada

Destaca que a bolsa de voluntarios para realizar gardas nos PAC tamén conta con 810 profesionais de enfermería

Refire que o Consello de Contas recoñece as melloras organizativas realizadas polo Sergas na atención primaria, entre as que destaca o incremento da capacidade diagnóstica, o reforzo da enfermería e avances na estabilidade laboral

Incide en que a Xunta reforzou a atención primaria con máis recursos, elevando este ano o investimento nun 4,7%, cun orzamento de 1.747 M€, o maior da historia

Desde 2019 a Xunta creou máis de 1.000 novas prazas en atención primaria e os orzamentos deste ano recollen outras 163 adicionais

Das 496 prazas de medicina de familia consideradas vacantes, 415 están ocupadas por médicos con contratos de longa duración

Remarca que o 95% dos nenos e nenas galegos teñen atención pediátrica no seu propio concello

Reitera que o principal problema da atención primaria é a falta de profesionais que afecta a toda España, e que golpea especialmente ao rural

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe, no Pleno do Parlamento, que os esforzos de xestión da Xunta permiten contar cunha bolsa de 239 facultativos para realizar gardas voluntarias nos Puntos de Atención Continuada (PAC). Ademais, esa bolsa de voluntarios tamén conta con 810 profesionais de enfermería.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo en resposta a unha interpelación sobre a atención primaria, o conselleiro sinalou que Galicia destina o 31,2 % do orzamento sanitario total a este nivel asistencial, e así o recolle o informe do Consello de Contas referido á Conta Xeral do Sergas do ano 2023.

No seu informe, o Consello de Contas tamén destaca melloras no ámbito asistencial e no organizativo, entre as que sinala a implantación da historia clínica electrónica, o incremento da capacidade diagnóstica, o reforzo da enfermería e avances na estabilidade laboral. Ademais refire melloras retributivas e a redución significativa da taxa de temporalidade, tras a convocatoria de 468 prazas por concurso de méritos.

O conselleiro incidiu en que a Xunta reforzou a atención primaria con máis recursos, elevando este ano o investimento nun 4,7%, e acadando un orzamento neste nivel asistencial de 1.747 millóns de euros, o maior da historia da sanidade pública galega.

O titular de Sanidade referiuse, ademais, á reforma estrutural que está a impulsar a Xunta en primaria. Para facela efectiva, a Consellería de Sanidade constituíu dous grupos de traballo que, nas vindeiras semanas, presentarán as súas conclusións.

Tamén aludiu á posta en marcha da Unidade de Apoio á atención primaria, que xa empezou a funcionar e que contará cun total de 50 profesionais co obxectivo de liberar aos médicos da carga burocrática.

Outro dato destacado polo máximo responsable do Sergas é que, desde 2019, a Xunta creou máis de 1.000 novas prazas en atención primaria e que os orzamentos deste ano recollen outras 163 adicionais.

Atención sanitaria garantida

Na súa intervención, Gómez Caamaño explicou que as prazas que o Consello de Contas denomina vacantes son prazas sen titular en propiedade, non prazas sen médico, polo que a atención está sempre garantida. Concretou que das 496 prazas de medicina de familia consideradas vacantes, 415 están ocupadas por médicos con contratos de longa duración; e no caso de pediatría, de 133 vacantes, 123 está cubertas.

O titular de Sanidade explicou que o 95 % dos nenos e nenas galegos teñen atención pediátrica no seu propio concello. Esta atención realízase no 90 % dos casos por pediatras e no 10 % restante por médicos de familia con sólida formación pediátrica. Incidiu, ademais, en que o feito de que un municipio non teña praza de pediatría no seu centro de saúde non significa que os nenos carezan de atención, xa que os pediatras dos servizos de atención primaria doutros centros desprázanse para garantir a asistencia neses municipios.

Falta de médicos

O conselleiro reiterou que o principal problema da atención primaria é a falta de profesionais que afecta a toda España e golpea especialmente ao rural. Neste contexto, e para garantir a asistencia sanitaria, o Sergas está a realizar un esforzo de xestión extraordinario. Ao respecto, Gómez Caamaño citou os acordos asinados polo seu departamento coas organizacións sindicais, que inclúen un programa de voluntariedade incentivada para as gardas nos PAC con incrementos do 15,36 % nas retribucións por xornada complementaria para os médicos.

Outras melloras implementadas polo Goberno galego son os 35 equipos multidisciplinares de soporte de atención domiciliaria para seguimento de pacientes crónicos no rural e a rede de psicólogos clínicos en primaria, con 28 profesionais e que chegarán a 50 no 2030.

Ademais, os plans locais de saúde continúan a estenderse e xa cobren máis do 65 % dos servizos de primaria.

Tamén puxo en valor que Galicia forma 207 médicos de familia cada ano.

Data de actualización: 20/05/2026