Villaverde asina coa Confraría de Noia o primeiro convenio do plan de restauración marisqueira por preto de 1,6 M€
O Goberno galego financia integramente as actuacións deseñadas polo propio sector nun claro exemplo de "cogobernanza"
O proxecto garante unha alternativa de ingresos para as profesionais afectadas polo cese de actividade mentres traballan na recuperación do seu medio de vida
Os labores inclúen a mobilización de ata 200 persoas para a sementeira de 10 millóns de unidades de ameixa, a limpeza de fondos e o control de depredadores
Noia (A Coruña), 20 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Noia, Santiago Cruz, asinaron hoxe o convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira da entidade. Este acordo, dotado con preto de 1,6 millóns de euros, é o primeiro dos convenios bilaterais que a Xunta formalizará coas entidades do sector para paliar os efectos dos temporais e a baixada de salinidade.
A titular de Mar subliñou que a Administración autonómica sufraga na súa totalidade o plan de recuperación proposto pola propia confraría. "A Xunta pon así os recursos para dar resposta ás necesidades específicas recollidas no plan de restauración dos bancos, elaborado pola entidade, que é a que establece a magnitude e contía económica final necesaria", explicou Villaverde, quen puxo en valor este "modelo de cogobernanza que preside a política pesqueira na nosa comunidade, no que Administración e sector imos da man".
O convenio asegura, ademais da rexeneración biolóxica, un compoñente social fundamental. A conselleira destacou que, a través deste investimento, garántese que as persoas afectadas polo cese de actividade "teñan agora unha alternativa e unha fonte de ingresos mentres recuperan o seu medio de vida".
O proxecto no esteiro do Tambre e na enseada de Esteiro contempla a participación progresiva de ata 200 persoas mariscadoras, que desenvolverán tarefas esenciais para devolver aos areais a súa máxima produtividade. Entre as accións previstas atópase a retirada de algas e cunchas, os rareos e traslados de especies comerciais, e un control exhaustivo de depredadores.
Así mesmo, o plan recolle a sementeira de 8 millóns de unidades de ameixa no banco de Misela I durante este ano, aos que se sumarán outros 2 millóns en 2027, xunto con labores continuas de vixilancia e mostraxe das zonas produtivas.
Esta sinatura enmárcase no plan de recuperación global dotado con preto de 23 millóns de euros pola Xunta de Galicia. Deste orzamento, 19,2 millóns destínanse a convenios directos coas confrarías afectadas; un traballo conxunto que continuará nas vindeiras semanas coa sinatura dos acordos co resto de entidades.