A conselleira de Política Social e Igualdade visitou hoxe o novo recurso posto en marcha en Boqueixón
Fabiola García sitúa as casas do maior como exemplo dun modelo de coidados baseado na liberdade para elixir onde e como pasar a vellez
Sinala que estes equipamentos responden á realidade da comunidade autónoma, marcada pola lonxevidade e a dispersión xeográfica
Así mesmo, destaca que facilitan a conciliación, o asentamento da poboación e a creación de emprego
Boqueixón (A Coruña), 20 de maio do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia por un modelo de coidados que ofrece aos maiores a liberdade de escoller onde queren pasar esta etapa das súas vidas. Díxoo durante a visita á nova casa do maior aberta recentemente en Boqueixón, a cuarta coa que conta este concello, e na que estivo acompañada tanto do alcalde, Ovidio Rodeiro, como do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.
Fabiola García sinalou que as casas do maior son recursos públicos que facilitan unha atención de calidade e proximidade e que, ademais, responden á realidade da nosa comunidade, marcada pola lonxevidade da poboación e a dispersión xeográfica. Así mesmo, salientou que estes equipamentos axudan ás familias a conciliar, ao tempo que favorecen o asentamento de poboación e promoven a creación de emprego.
A conselleira apuntou que o Goberno galego “ten claro que a Galicia Calidade na que se vive máis e tamén mellor é esa que responde as necesidades dos maiores e que lle permite vivir con garantías no lugar que escollan”. Así mesmo, apuntou que para facer isto posible “son necesarios recursos pensados e creados para o territorio”, como é o caso das casas do maior.
800 prazas de atención diúrna gratuítas
Galicia conta xa 160 casas do maior distribuídas por todo o seu territorio e que suman en total 800 prazas de atención diúrna totalmente gratuítas para os usuarios. O impulso destes equipamentos forma parte do modelo de coidados que está a desenvolver o Executivo autonómico, a través do cal pon a disposición das persoas maiores servizos para que estean atendidas segundo as súas preferencias e necesidades.
Entre estas prestación destacan o Bono Coidado no Fogar, unha achega pioneira para todos os dependentes que son coidados nas súas casas e que chega xa a case 40.000 persoas; o impulso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cunha inxección de 500 millóns de euros nos concellos nos vindeiros tres anos; ou as propias casas do maior.