A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu hoxe a unha interpelación no Pleno da Cámara
Lorenzana defende a rigorosa avaliación á que son sometidos os proxectos mineiros, pública e transparente
“Os proxectos autorízanse despois dunha longuísima tramitación que é moi rigorosa e con estritas avaliacións ambientais”, afirma, para insistir: “Soamente saen adiante aqueles que son técnica e ambientalmente viables”
“Estamos nun novo momento onde a Administración, ademais desas garantías e controis técnicos e ambientais, vai ter en conta á hora de adxudicar un proxecto que, efectivamente, repercuta na cidadanía parte dos beneficios económicos que o promotor obteña”, asegura en alusión ao plan social obrigatorio
Galicia, di, estaría en disposición de poñer en valor recursos naturais por un valor próximo aos 7.000 millóns de euros, e “non sería responsable non tentar aproveitalos”
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe que “todos os proxectos mineiros son transparentes, públicos e avaliados de maneira moi rigorosa por parte da Administración”, dixo, contando coa participación da cidadanía e das organizacións sociais.
Así o destacou hoxe en resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento, onde precisou que “a apertura dun concurso mineiro non supón que esa mina vaia desenvolverse”. “Os proxectos autorízanse despois dunha longuísima tramitación que é moi rigorosa e con estritas avaliacións ambientais”, afirmou, para insistir: “Soamente saen adiante aqueles que son técnica e ambientalmente viables”.
Lorenzana precisou que os proxectos mineiros son sometidos a unha avaliación ambiental ordinaria e garantista, que comporta un período de información pública por un prazo non inferior a 30 días, ao tempo que se piden os informes sectoriais aos organismos competentes. “Durante ese proceso pode ser consultado por calquera”, lembrou.
Xunto con isto, tamén quixo facer fincapé en que, segundo recolle a Lei de recursos naturais de Galicia, no procedemento de outorgamento de dereitos mineiros tamén será clave a valoración dos beneficios sociais e económicos dos proxectos, que representará, polo menos, o 40 por cento dos criterios de selección na baremación de solicitudes naqueles procedementos onde estea prevista a concorrencia competitiva.
“Estamos nun novo momento onde a Administración, ademais desas garantías e controis técnicos e ambientais e, tamén, de seguridade e saúde laboral, vai ter en conta á hora de adxudicar un proxecto que, efectivamente, repercuta na cidadanía parte dos beneficios económicos que o promotor obteña”. Referiuse, así, ao plan social obrigatorio que van ter incorporar todas as propostas que se presenten ao concurso.
“Queremos facer un uso racional e eficiente dos nosos recursos”, aseverou, porque Galicia, concluíu, estaría en disposición de poñer en valor recursos naturais por un valor próximo aos 7.000 millóns de euros, e “non sería responsable non tentar aproveitalos”.