A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, respondeu hoxe a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento
Lorenzana asegura que Galicia non vai renunciar a participar nos sectores industriais máis avanzados como é o da defensa
“Non podemos mirar cara a outro lado cando as empresas galegas teñen unha oportunidade industrial extraordinaria no momento actual”, subliña
“Trátase de reducir as dependencias externas, tanto enerxéticas, como de recursos ou de capacidades industriais para avanzar o máximo posible en autonomía estratéxica”, di
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que Galicia non vai renunciar a participar nos sectores industriais máis avanzados, como son o sector da defensa, a seguridade e o aerospazo. “Non podemos mirar cara a outro lado cando as empresas galegas teñen unha oportunidade industrial extraordinaria no momento actual”, aseverou.
En resposta a unha pregunta oral no Pleno do Parlamento, a conselleira lembrou que a comunidade autónoma leva máis dunha década apostando polo sector aeroespacial e polas tecnoloxías de alta cualificación, no marco dunha política industrial que o que busca neste momento é “reducir dependencias externas, tanto enerxéticas, como de recursos ou de capacidades industriais para avanzar o máximo posible en autonomía estratéxica”, explicou.
Así, destacou que a política da Xunta neste eido articúlase en torno á Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, que mobilizará ata 183 millóns de euros de investimento público entre 2025 e 2030 e preto de 900 millóns de euros adicionais en investimento asociado. Entre os programas de apoio, figuran os novos acordos de asociación con socios estratéxicos e tecnolóxicos, que suporán ata 83 millóns de euros nos próximos cinco anos. E, proximamente, tamén se publicará a convocatoria de axudas para apoiar os investimentos en tecnoloxías duais.
“É responsabilidade da Xunta proporcionar na medida do posible as axudas e o acompañamento que poidan necesitar as empresas para abrirse camiño na realidade económica actual”, concluíu.