Miguel Corgos salienta que o sector asegurador é un aliado imprescindible das familias e das empresas en contextos marcados polas incertezas
O conselleiro de Facenda e Administración Pública asegurou que a Xunta seguirá apostando por políticas públicas que proporcionen certezas aos axentes económicos e á cidadanía
Destacou que Galicia pechou o exercicio 2025 cumprindo, un ano máis, os obxectivos de estabilidade, pechando sen déficit por segundo ano consecutivo
Felicitou aos galardoados cos Premios Galicia Segura 2026, poñendo en valor o seu traballo e profesionalidade
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, referiuse hoxe ao sector asegurador como un aliado imprescindible das familias e das empresas en contextos marcados polas incertezas. “O seguro non é unicamente unha actividade económica. Sodes capaces de transformar a incerteza en riscos cuantificables e xestionables, garantindo a estabilidade financeira de familias e empresas ante calquera imprevisto”, subliñou.
Durante o acto de entrega dos Premios Galicia Segura 2026, da Fundación INADE, Corgos asegurou que, pola súa banda, a Xunta seguirá apostando por políticas públicas que proporcionen certezas aos axentes económicos e á cidadanía, e que contribúan e apoien as súas decisións de consumo, de aforro e de investimento.
Nesta liña, lembrou que a Consellería de Facenda acaba de informar do peche orzamentario do ano 2025, un exercicio no que Galicia cumpriu, un ano máis, os obxectivos de estabilidade, pechando sen déficit por segundo ano consecutivo.
“Esta xestión responsable permitiunos executar o máximo posible dentro dos límites que temos, neste caso a regra de gasto; reforzar os servizos públicos e o investimento produtivo; reducir a ratio de endebedamento; e pagar antes que ninguén aos nosos provedores”, destacou, facendo fincapé en que levar a cabo unha política útil permite reforzar a solvencia da Comunidade, contribuíndo a un maior crecemento e a un emprego de maior calidade.
O conselleiro de Facenda aproveitou a súa intervención para felicitar aos premiados e poñer en valor o seu traballo e profesionalidade para que o sector sexa máis sólido, máis moderno e máis fiable.
Así, trasladou os seus parabéns á correduría de seguros Ilunión Mediación, premio á Distribución de Seguros; a ASEFA, polo seu galardón no apartado do Asegurador; e a SEAIDA, a sección española da Asociación Internacional de Derechos de Seguros, premiada polo Progreso e Desenvolvemento do Seguro.
Miguel Corgos referiuse tamén a José Enrique Devesa Carpio, premiado na categoría Investigación Aseguradora; a Andrés Romero Peña, premio á Dirección; e ao Grupo San José, polo seu galardón na categoría de Empresa Galega.
“Todos vós sodes exemplo desa Galicia Calidade” dixo, destacando a contribución do sector ao desenvolvemento económico e social de Galicia.