A Xunta incrementa o apoio aos Premios da Música Martín Códax pola súa valía para facer visible a calidade de todo o sector
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, asinan o convenio de colaboración polo que o Goberno galego achega 28.000 euros, 2000 máis que en 2025
A gala de entrega dos galardóns será o 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra con dirección artística da actriz Tero Rodríguez e música da Orquestra Neverloura
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta da asociación profesional Músicas ao Vivo, a cantante Sheila Patricia, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que a Xunta achega 28.000 euros para a organización da 13ª edición dos Premios Martín Códax da Música que se entregarán o vindeiro 27 de maio en Pontevedra.
O Goberno galego continúa así contribuíndo ao financiamento duns galardóns que apoiou de xeito ininterrompido desde a súa fundación en 2018 e aos que este ano destina 2000 euros máis que á anterior convocatoria de 2025. Recoñécese así o relevante papel que teñen á hora de darlle visibilidade a unha industria cun gran potencial creativo e calidade artística, así como a súa capacidade de sacar á luz novos talentos e de achegarlle a música e o seu proceso de produción ao gran público. Neste sentido, e despois dunha ducia de convocatorias, considérase esta iniciativa como unha plataforma idónea para a promoción da música galega actual como sector básico e estratéxico da cultura galega.
Deste xeito, no texto do convenio rubricado recóllese que a relevancia destes premios “reside na capacidade que teñen como elemento de cohesión e como plataforma para poñer en primeiro plano o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música, apoiando a súa dignificación e profesionalización”.
Premio de honra para Los Suaves
Os galardóns inclúen 18 categorías e unha distinción de honra, que este ano se lle concedeu á mítica banda ourensá Los Suaves. A convocatoria está destinada a proxectos musicais galegos (artistas, grupos, solistas, espectáculos e proxectos discográficos) vixentes e en activo en 2026 que compiten en 15 apartados musicais que recollen os máis variados estilos: pop e indie, rock e punk, blues, funk e soul, metal e heavy, canción de autor, músicas urbanas, músicas do mundo e mestizaxe, electrónica, música clásica e contemporánea, jazz e músicas improvisadas, música tradicional, folk, música infantil, orquestras, grupos e música de verbena e bandas de música popular. Contemplan, ademais, os tres Premios Organistrum, cos que se pretende recoñecer o labor das salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical. Mantense nesta edición a categoría extraordinaria creada en 2022 de artista emerxente, que premia a proxección e potencial dun proxecto de nova creación.
O acto de entrega terá lugar no transcurso unha gala que acollerá o vindeiro 27 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra. A actriz integrante da compañía de rúa Os Quinquilláns, Tero Rodríguez, será a encargada da dirección artística en tanto que a música correrá a cargo da Orquestra Neverloura e a escenografía será obra de Diego Valeiras. Xogando co feito de que se trata da gala número 13, a temática xirará arredor das supersticións e o misticismo galego a través da interpretación de cinco arquetipos femininos, tanto mitolóxicos como reais.