O conselleiro de Sanidade, xunto coa xerente da área sanitaria de Ferrol, interveu na inauguración da II Xornada de Enfermería da Área Sanitaria de Ferrol

Gómez Caamaño pon en valor a gran contribución da enfermería aos 50 anos de servizo a Ferrolterra do Hospital Arquitecto Marcide

Remarca que se segue a avanzar na mellora das condicións laborais e nunha maior estabilidade do colectivo de enfermería, favorecendo o exercicio profesional de máxima calidade

Subliña a aposta firme pola especialización da enfermería, sobre todo no ámbito familiar e comunitario, ademais de seguir a impulsar novos modelos asistenciais máis próximos e integrados

Incide en que a posta en marcha no ano 2024 da Unidade de Procesos de Enfermería está a contribuír a mellorar a coordinación asistencial e a calidade da atención

Ferrol, 21 de maio de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor a gran contribución da enfermería aos 50 anos de servizo a Ferrolterra do Hospital Arquitecto Marcide.

O titular da carteira sanitaria, xunto coa xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, interveu na inauguración da II Xornada de Enfermería desta área, que este ano ten por lema: Os nosos profesionais, o noso futuro: 50 anos coidando e avanzando.

Gómez Caamaño incidiu en que a Xunta segue a avanzar na mellora das condicións laborais e nunha maior estabilidade do colectivo de enfermería, co obxectivo de que poidan desenvolver o seu traballo nunha contorna segura e organizada que favoreza o exercicio profesional de máxima calidade.

No esforzo compartido pola excelencia, o departamento sanitario galego impulsou medidas como a Estratexia Galega de Saúde 2030, mantendo unha aposta firme pola especialización da enfermería, sobre todo no ámbito familiar e comunitario, ademais de seguir a impulsar novos modelos asistenciais máis próximos e integrados.

O conselleiro incidiu nos grandes retos actuais da sanidade galega, como son o avellentamento da poboación, o aumento da cronicidade e a dispersión xeográfica, factores que esixen fórmulas máis flexibles e resolutivas que sexan capaces de achegar os coidados á casa e coas que se poida escoitar e atender todas as necesidades dos pacientes.

O máximo responsable do Sergas destacou a posta en marcha no ano 2024 da Unidade de Procesos de Enfermería, que contribúe a mellorar a coordinación asistencial e a calidade da atención.

Na súa intervención, o conselleiro agradeceu a implicación do colectivo de enfermería e puxo en valor o seu traballo diario nos distintos centros sanitarios e residencias. Incidiu en que, grazas ao seu compromiso, converteuse nunha categoría profesional imprescindible dentro do sistema sanitario.

Tamén lembrou que varias profesionais de enfermería desta área sanitaria foron recoñecidas a nivel nacional, o que fala do nivel, preparación e capacidade que existe nos equipos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026