O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a resolución da convocatoria

Preto de 70 concellos galegos melloran os seus recursos turísticos no marco das axudas de Turismo de Galicia para municipios de ata 10.000 habitantes

A Xunta financia actuacións de accesibilidade e acondicionamento de espazos turísticos

As accións enmárcanse na estratexia de Turismo de Galicia de reforzar un modelo turístico sostible e descentralizado en contornas rurais

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves a resolución das axudas concedidas a concellos galegos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas durante o ano 2026.

As accións, impulsadas por Turismo de Galicia, contan cun investimento total de dous millóns de euros e permitirán financiar proxectos en 68 municipios das catro provincias. Do total de concellos beneficiados, 35 son da provincia de Ourense, 16 de Lugo, 10 da Coruña e 7 de Pontevedra. As axudas sitúanse arredor dos 30.000 euros por proxecto, buscando impulsar de maneira económica os pequenos municipios.

Entre as actuacións subvencionadas inclúense intervencións de mellora da experiencia turística no rural galego, accións de acondicionamento de espazos públicos e zonas de lecer, creación de rutas de sendeirismo e accesos peonís, rehabilitación de elementos patrimoniais e actuacións de embelecemento urbano.

Tamén desenvolverán proxectos de modernización da sinalización turística e dos sistemas de información ao visitante, crearanse áreas de estacionamento e servizos para vehículos e autocaravanas e recuperación de fontes, lavadoiros, hórreos e outros elementos de valor cultural, así como a posta en valor de miradoiros e espazos naturais de interese turístico. Ademais, figuran actuacións vinculadas ao Camiño de Santiago e outros recursos de atractivo turístico.

Impulso ao turismo sostible no rural

A convocatoria é parte da estratexia da Xunta de promover un modelo turístico sostible, descentralizado e vinculado a valorar o patrimonio dos pequenos concellos galegos.

As actuacións subvencionadas permitirán mellorar infraestruturas e servizos turísticos fundamentais para reforzar o atractivo dos destinos rurais, favorecer a desestacionalización e consolidar Galicia como un destino de calidade.

Data de actualización: 21/05/2026