A Xunta salienta en Ourense o valor de iniciativas como ‘Merca no teu comercio’ para impulsar este sector nos barrios e nos municipios do rural
O director xeral de Comercio e Consumo participou no barrio do Couto na entrega de premios da primeira quenda desta acción, que percorrerá 40 localidades galegas que non teñen centros comerciais abertos e chegará a máis de 60 asociacións de comerciantes
Ourense, 21 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde no barrio do Couto na entrega de premios da iniciativa Merca no teu comercio, enmarcada na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio. Alí puxo de relevo a contribución deste tipo de iniciativas ao comercio local dos barrios e municipios rurais pois, na mesma liña que a edición de 2025, percorrerá 40 localidades galegas que non teñen centros comerciais abertos, chegando a máis de 60 asociacións de comerciantes.
Actualmente —ata o 30 de maio— están en marcha a segunda quenda de campañas de Merca no teu comercio, tras as primeiras desenvolvidas entre o 1 e o 15 deste mes, das que agora se entregan os recoñecementos. No caso da provincia de Ourense, esta segunda quenda estase a desenvolver no barrio da Ponte, así como nos municipios desa provincia de Bande, Entrimo, Lobios e Muíños.
Tamén se está levando a cabo nos concellos coruñeses de Fene, Narón, Padrón, Dodro e Rois; nos lugueses da Fonsagrada, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Quiroga e Ribas de Sil e nos pontevedreses de Silleda, Forcarei, Vila de Cruces e A Guarda.
Os premios que se entregan ao remate de cada quenda de Merca no teu comercio, que se desenvolverá entre maio e outubro, consisten en 20 tarxetas regalo por valor de 50 €. Quen queira participar debe rexistrar a súa compra na web www.mercanoteucomercio.com, da que tamén poderá deixar constancia o comerciante, duplicando así as posibilidades de gañar da clientela. Cómpre sinalar que en 2025 rexistráronse máis de 92.000 participacións nos distintos concellos.