Belén do Campo destaca o labor social da asociación Antonio Noche durante o concerto solidario da tuna de veteranos
A Coruña, 21 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde ao concerto solidario ofrecido pola Tuna de Veteranos a beneficio da Asociación Antonio Noche, unha entidade de referencia na atención e inclusión social de persoas con trastornos adictivos e en situación de vulnerabilidade.
A representante autonómica puxo en valor “a solidariedade e o compromiso social de iniciativas culturais como esta, que axudan a visibilizar o importante traballo que desenvolven entidades como Antonio Noche acompañando a persoas que atravesan situacións especialmente complexas”.
A delegada felicitou tanto á Tuna de Veteranos pola organización do concerto como á Asociación Antonio Noche “por décadas de traballo comprometido á beira de quen máis o necesitan”, animando á cidadanía para seguir apoiando este tipo de iniciativas solidarias.