O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou as instalacións desta asociación integrada en Cegasal
A Xunta salienta en Outes o papel de Adisbismur a prol da creación de emprego inclusivo nos concellos da contorna da ría de Muros e Noia
José González destacou a contribución dos centros especiais de emprego á autonomía das persoas con discapacidade e á súa participación plena na sociedade
Salientou a capacidade destas entidades para responder ás necesidades do tecido produtivo galego en sectores diversos como as artes gráficas, a alimentación, a artesanía ou o transporte, entre outros
O Goberno galego destina este ano máis de 45 M€ á economía social, dos que 27 M€ corresponden ás axudas aos centros especiais de emprego, e reserva un mínimo do 6% da contratación pública para os de iniciativa social e as empresas de inserción
Outes (A Coruña), 11 de agosto de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en Outes o Centro Especial de Emprego da Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (Adisbismur) para coñecer de primeira man a actividade que desenvolve a entidade e as oportunidades laborais que xera na comarca.
Durante a visita, o conselleiro puxo en valor a traxectoria de Adisbismur, que leva máis de 40 anos traballando pola autonomía e a inclusión das persoas con discapacidade e das súas familias. A entidade ofrece servizos de atención, información, asesoramento e acompañamento, ao tempo que promove a formación e o acceso ao emprego, facilitando que as persoas con discapacidade poidan desenvolver un proxecto profesional e participar activamente na sociedade.
Puxo en valor, ademais, que Adisbismur está integrada na Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) e destacou o papel que xogan os Centros Especiais de Emprego como unha peza clave da economía social, ao combinar a creación de emprego inclusivo coa xeración de oportunidades reais para as persoas con discapacidade e para os colectivos con maiores dificultades de inserción.
Neste sentido, lembrou que están plenamente integrados no tecido produtivo galego e que permiten que miles de persoas con discapacidade atopen no emprego unha vía para gañar autonomía, estabilidade e participación plena na sociedade, dando resposta ademais as demandas do territorio en sectores como as artes gráficas, a alimentación, a artesanía ou o transporte, entre outros moitos.
Apoio autonómico á economía social
González lembrou que a Xunta destina este ano máis de 45 M€ ao impulso da economía social, dos que 27 M€ corresponden á orde de axudas aos centros especiais de emprego. Estas achegas permitirán manter arredor de 6.600 contratacións de persoas con discapacidade, crear novos empregos estables, adaptar postos de traballo e reforzar as unidades de apoio profesional, especialmente relevantes para as persoas con maiores dificultades de inserción.
Esta liña de apoios complétase con outras medidas, como a formación dual para persoas con discapacidade intelectual, que facilita a obtención dun certificado de profesionalidade e a adquisición de experiencia mediante un contrato de formación en alternancia. Esta iniciativa conta con 6 M€ para o período 2024-2027.
O conselleiro destacou ademais a aposta da Xunta pola contratación pública como ferramenta para favorecer a inclusión laboral. Así, o Goberno galego dá continuidade este ano á reserva dun mínimo do 6% da contratación pública para os Centros Especiais de Emprego de iniciativa social e as empresas de inserción, unha porcentaxe que se sitúa un punto por enriba do mínimo establecido pola Lei de contratos do sector público e que este ano suporá preto de 4 M€ para estas entidades.
José González puxo en valor a importancia de seguir avanzando neste camiño e destacou que, segundo o último Informe Estatal do Mercado de Traballo das Persoas con Discapacidade, en 2025 Galicia se sitúa como a quinta comunidade autónoma con maior número de contratacións deste colectivo.