Portos de Galicia repara a rampla de varada de Laxe para dar resposta ás necesidades dos pescadores
Laxe (A Coruña), 21 de maio de 2026
Portos de Galicia, entidade pública adscrita á Consellería do Mar, iniciou os traballos de reparación da rampla de varada do porto de Laxe para dar resposta ás necesidades trasladadas pola confraría de pescadores da localidade.
Os traballos, que terán unha duración de dous meses, permitirán devolver a plena operatividade á rampla, que presenta danos debido ao seu uso intensivo así como á acción das mareas e o tren de borrascas dos meses de xaneiro e febreiro. En concreto, Portos de Galicia actuará sobre os raís existentes ao longo da rampla para fixalos substituíndo parte da base sobre a que se asentan.
Por outra banda e co fin de garantir a explotación portuaria, retirarase un dado de formigón e unha reixa metálica na antiga localización de mareógrafo para facilitar o atraque dos barcos na zona. Con esta actuación, cuxo orzamento será de preto de 10.000 euros, Portos de Galicia mellorará as condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade no porto de Laxe.