A Xunta e a Fundación MOP abren unha nova convocatoria de bolsas internacionais para alumnado de fotografía de ensinanzas artísticas e de FP

Catro estudantes realizarán unha estadía no máster Photography do Royal College of Art de Londres entre setembro e decembro de 2026

Poderá participar alumnado do Ciclo Superior de Fotografía e, como novidade, tamén do Ciclo Superior de Iluminación, Captación e Tratamento de Imaxe

As solicitudes poderán presentarse entre o 18 e o 29 de xuño nos propios centros

Ata o 3 de xuño pode visitarse no Peirao de Batería da Coruña a exposición ‘Future Stories Vol.03’ cos traballos dos bolseiros da edición anterior

A Coruña, 21 de maio de 2026

A Xunta de Galicia e a Fundación MOP abren unha nova convocatoria de bolsas internacionais dirixidas ao alumnado das escolas de arte e superiores de deseño e dos centros integrados FP co obxectivo de completar a súa formación no estranxeiro e impulsar o seu desenvolvemento profesional en contornas creativas de referencia. As bolsas están destinadas ao alumnado que no curso 2025/26 finalice o segundo curso do ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía ou, como novidade nesta edición, do Ciclo Superior de Iluminación, Captación e Tratamento de Imaxe.

Con este motivo, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e as directora da Fundación MOP, Leticia Castromil, participaron hoxe na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Piccaso da Coruña nunha xornada de presentación das bolsas para os estudantes. Ademais, a sesión contou cunha mesa redonda na que os tres bolseiros das pasadas edicións compartiron a súa experiencia durante a estadía formativa internacional.

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude entre 18 e o 29 de xuño nos propios centros en que cursasen estas ensinanzas. Para optar ás bolsas será necesario estar matriculado no curso 2025/26 nun destes ciclos, acreditar un nivel mínimo B2 de inglés e achegar un currículo xunto con documentación gráfica dun proxecto fotográfico ou audiovisual.

As catro bolsas incluirán unha estadía formativa no máster Photography do Royal College of Art de Londres entre setembro e decembro de 2026, con desprazamento, aloxamento, programa educativo e apoio económico para manutención. Durante este período, o alumnado desenvolverá un proxecto artístico titorizado e participará en clases maxistrais, actividades culturais e propostas formativas vinculadas ao ámbito da fotografía e da creación visual.

Exposición ‘Future Stories Vol.03’ no Peirao de Batería

Como mostra desta iniciativa, ata o 3 de xuño pode visitarse no centro MOP da Coruña a exposición colectiva Future Stories Vol.03, que reúne os proxectos realizados polos bolseiros da pasada edición. Desta maneira, os artistas que participaron nesta residencia artística internacional presentan agora o resultado da súa experiencia formativa.

A iniciativa é así unha aposta pola internacionalización, a excelencia formativa e o impulso ao talento emerxente no ámbito das artes visuais en Galicia. Ademais, enmárcase no Plan EDUC-ART, a estratexia da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que busca modernizar, revalorizar e adaptar as ensinanzas artísticas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas do país, reforzando a súa conexión co contexto profesional e creativo actual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026