Así o sinalou na inauguración, no Hospital Universitario Lucus Augusti, dunha xornada con motivo da Semana dos Ensaios Clínicos

O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde destaca que a experiencia, a voz e as prioridades dos pacientes son esenciais para deseñar mellores ensaios clínicos

Incide en que as asociacións de pacientes foron decisivas para impulsar esta transformación, axudando a visibilizar enfermidades esquecidas, acelerando investigacións e mellorando a información aos participantes 

Remarca que un ensaio clínico é un dos procesos máis regulado e supervisado de toda a medicina

Subliña que os ensaios clínicos garanten que os tratamentos sexan eficaces e seguros antes de chegar á poboación

Lugo, 21 de maio de 2026

O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, destacou esta mañá que a experiencia, a voz e as prioridades dos pacientes son esenciais para deseñar mellores ensaios clínicos. 

O xerente de ACIS, organismo dependente da Consellería de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, interveu na xornada e inauguración institucional da Semana dos Ensaios Clínicos: participar, decidir e transformar que se está a celebrar no Hospital Universitario Lucus Augusti.

Tal e como incidiu o representante do departamento sanitario galego, as asociacións de pacientes foron decisivas para impulsar esta transformación dos ensaios clínicos, axudando a visibilizar enfermidades esquecidas, acelerando investigacións, mellorando a información aos participantes e recordando constantemente que detrás de cada dato hai unha persoa.

Tamén lembrou que un ensaio clínico é un dos procesos máis regulado e supervisado de toda a medicina, posto que existen comités éticos independentes, controis de seguridade, consentimento informado, seguimento constante e normais internacionais moi estritas. En consecuencia, incidiu, os ensaios clínicos garanten que os tratamentos sexan eficaces e seguros antes de chegar á poboación.

Segundo referiu Fernández-Campa, participar nun ensaio clínico é unha forma profundamente humana de contribuír ao coñecemento colectivo e referiu que o verdadeiro sentido dos ensaios non é unicamente descubrir novos tratamentos, senón, tamén, construír entre todos un futuro con máis esperanza e máis evidencia.

A clausura desta xornada estivo a cargo do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026