A Xunta asegura que o CEIP Vista Alegre de Burela non ten problemas estruturais e atribúe ao Concello as deficiencias no seu mantemento
O delegado territorial salienta o compromiso do Goberno galego para garantir as condicións de comodidade e seguridade da comunidade educativa no centro
Lugo, 21 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, negou hoxe a existencia de problemas estruturais nas instalacións do CEIP Vista Alegre de Burela “que se atopan, en xeral, nun bo estado” e asegurou que as reclamacións da comunidade educativa, “que, por suposto, entendemos e respectamos”, atenden unicamente a “cuestións puntuais” que se rexistran nos edificios do colexio.
Nesta liña, Arias indicou ademais que moitas das incidencias ás que fai referencia o colectivo educativo débense “a un deterioro acumulado, froito do deixamento por parte do Concello de Burela nas labores de mantemento e conservación ordinaria do centro, que son da súa competencia”.
O delegado territorial reiterou o compromiso do Goberno galego “para garantir condicións axeitadas de comodidade e seguridade tanto para o estudantado como para o profesorado e demais persoal” do colexio. Neste senso, lembrou que a Xunta destinou ao CEIP Vista Alegre arredor de 75.000 euros nos tres últimos anos, renovando boa parte do peche perimetral, substituíndo luminarias ou mellorando a caldeira e os canlóns e baixantes co fin de mellorar a eficiencia enerxética.
Segundo explicou, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional segue traballando, “en coordinación co centro, para atender as posibles necesidades do colexio, de maneira planificada e responsable”. Neste senso, explicou que estes días estase actuando para solucionar un problema de filtracións de auga derivado da rotura dunha tubaxe baixo un dos edificios do colexio e adiantou que hai previstas outras intervencións para avanzar na actualización das instalacións, como a substitución das ventás do comedor e da aula de Pedagoxía Terapéutica”. De todo isto informou recentemente a directora territorial da Consellería de Educación nunha reunión mantida cos representantes do Consello Escolar do CEIP Vista Alegre.
Ademais das obras realizadas e previstas no centro, Arias referiuse tamén á colaboración mantida coa Anpa do CEIP Vista Alegre, a través de distintas liñas de apoio, que lle permitiu desenvolver numerosos proxectos e actividades. Así, a asociación de pais e nais puxo en marcha unha ludoteca con fondos do Plan Corresponsables, cofinanciado pola Xunta, e recibiu tamén achegas autonómicas para desenvolver actividades como foi, o pasado ano, o programa ‘Lúcido 2 en Igualdade’, un proxecto formativo con sesións dirixidas a traballar os estereotipos e a violencia de xénero e no que participaron 220 familias e preto de 300 rapaces e rapazas.