Mar destaca en Girona o impacto socioeconómico de máis de 93 M€ que os proxectos GALP xeran en Galicia

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na mesa redonda ‘Comunidades Costeras en Acción’ no marco da sesión plenaria da Red Española de Grupos de Pesca (REGP)

Galicia lidera a execución do FEMPA cun balance de 339 proxectos desenvolvidos polos oito GALP entre 2023 e 2025, apoiados con 24,9 M€ de axuda pública

L’Escala (Girona), 24 de maio de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, puxo en valor o éxito e a solidez do modelo galego de desenvolvemento local participativo. Así o manifestou na súa intervención na mesa redonda Comunidades Costeras en Acción, organizada dentro da sesión plenaria da Rede Española de Grupos de Pesca (REGP) no Museu de l’Anxova i de la Sal (MASLE) de L’Escala (Girona).

A responsable autonómica, acompañada pola directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Rosa Chapela, debullou os datos de execución do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia, que conta cun orzamento global de 51,2 millóns de euros asignado desde a Consellería do Mar aos seus oito Grupos de Acción Local del Sector Pesqueiro (GALP).

A directora xeral fixo balance do período 2023-2025 que se saldou con 339 proxectos aprobados e unha axuda pública concedida de 24,9 millóns de euros, logrando mobilizar outros 21 millóns de investimento privado. Este esforzo conxunto xerou un impacto socioeconómico total superior aos 93,5 millóns de euros, o que significa que cada euro público investido multiplicouse por 3,76 no territorio.

“Os GALP funcionan en Galicia como verdadeiros motores dinamizadores do noso litoral porque traballan desde o territorio, polo territorio e para o territorio”, subliñou Ángeles V. Suárez. A directora xeral destacou que as estratexias galegas están a acadar un impacto real na diversificación económica, a transición enerxética, a economía circular e a remuda xeracional, cun impulso decidido ao liderado feminino a través de proxectos de cooperación interterritorial.

Respecto do horizonte a curto prazo, a titular de Desenvolvemento Pesqueiro adiantou o éxito de convocatoria para este ano 2026, no que se presentaron 226 novas solicitudes de proxectos. A Consellería do Mar prevé resolver e conceder axudas por un importe de 10 millóns de euros nos vindeiros meses.

Con esta proxección, Galicia agarda pechar o acumulado do período 2023-2026 alcanzando os 473 proxectos subvencionados e preto de 35 millóns de euros en axudas públicas, consolidando ás comunidades mariñeiras galegas como un referente europeo en gobernanza e xestión de fondos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/05/2026