A Xunta lembra aos concellos que o prazo para optar á actual convocatoria para investimentos en proxectos estratéxicos remata o 8 de xuño
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes explicou que a orde deste ano incrementa o orzamento ata os 10M€ no marco das achegas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local respecto aos 8M€ das dúas convocatorias anteriores
Diego Calvo visitou a reforma do centro deportivo municipal O Consello de Ribadavia que, cunha achega de máis de 643.300 euros, forma parte da vintena de proxectos beneficiarios ao abeiro desta liña de apoio en 2024
O ano pasado o Goberno galego apoiou outra vintena de iniciativas
Ribadavia (Ourense), 22 de maio de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, comprobou hoxe as actuacións de ampliación e reforma levadas a cabo na planta baixa do centro deportivo municipal O Consello de Ribadavia, que a Xunta apoiou con máis de 643.300 euros no marco das achegas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) para actuacións de carácter estratéxico.
Esta actuación forma parte da vintena de actuacións de carácter estratéxico apoiadas pola Xunta na convocatoria de 2024 e o ano pasado financiouse case outra vintena de proxectos. En cada unha das dúas anualidades, o orzamento superou os 8 millóns de euros, o que supuxo un investimento acumulado en dous anos de máis de 16 millóns de euros en case 40 proxectos estratéxicos nos municipios da comunidade.
Na convocatoria deste 2026, publicada a comezos deste mes, tal e como explicou o conselleiro, a contía incrementouse ata os 10 millóns de euros, consolidando esta liña como un instrumento fundamental para os concellos galegos. De feito, Diego Calvo lembrou hoxe que os concellos que realicen investimentos en infraestruturas municipais que supoñan un desenvolvemento estratéxico desde o punto de vista económico, social ou territorial poden presentar as súas solicitudes á actual convocatoria ata o 8 de xuño. Deberán facelo de maneira obrigatoria por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).
Cómpre aclarar que cada proxecto estratéxico para o que se solicite apoio deberá ter un orzamento mínimo de 400.000 euros e a Xunta financiará un importe máximo por cada un deles do 50% do orzamento ou do custo final cun límite máximo de 500.000 euros.
As iniciativas apoiadas a través destas achegas son fundamentais para a mellora dos servizos e para garantir un desenvolvemento territorial equilibrado, sostible e cohesionado cunha repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal. Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito supramunicipal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial.
Ademais, inclúense como estratéxicos os proxectos de investimento para a conexión, a reorganización, o agrupamento ou a centralización de edificios destinados á prestación de servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e do acceso á cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana.
No caso das melloras levadas a cabo no centro deportivo de Ribadavia, Diego Calvo puxo en valor a importancia de dotar á veciñanza de instalacións deportivas axeitadas para fomentar o deporte entre a poboación e en todas as idades. Así, considera que este é un exemplo do compromiso da Xunta e tamén do concello coas infraestruturas deportivas municipais, xa que neste centro compiten e adestran clubs federados e alumnos de centros educativos de toda a comarca que participan no programa Xogade da Xunta. Ademais, o centro conta con espazos e material para que a veciñanza poida realizar actividade física. Polo tanto, trátase dunha reforma na que precisamente a súa repercusión transcende o ámbito municipal e ten impacto en toda a comarca.
As achegas neste proxecto estratéxico intégranse nos máis de 1,3 millóns de euros investidos pola Xunta no concello nos últimos anos a través das diferentes medidas e liñas de axudas de apoio ao eido local.
Nesta liña, o conselleiro de Presidencia incidiu no compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de axudas que permitiron impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos mediante as distintas liñas específicas.