A EGAP analiza os retos da intervención pública na economía e nos sectores regulados

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou a actividade formativa xunto co director do curso e catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero Ortega

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acolleu hoxe a inauguración do curso de alta especialización Ordenación da economía e sectores regulados, unha actividade formativa dirixida a afondar nos principais instrumentos xurídicos, económicos e organizativos que articulan a intervención das Administracións públicas na actividade económica.

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, sinalou durante a inauguración a importancia de contar con persoal empregado público con formación especializada para afrontar a crecente complexidade da regulación económica. “A evolución dos mercados, a complexidade normativa e os novos retos aos que se enfrontan as Administracións públicas fan especialmente necesario contar con profesionais preparados para analizar e aplicar adecuadamente as diferentes ferramentas de regulación e intervención económica”, sinalou.

Rodríguez-Campos salientou tamén que a formación especializada “permite dotar ao persoal empregado público de coñecementos e ferramentas que contribúen a unha actuación administrativa máis rigorosa, eficaz e orientada á protección do interese xeral”.

“Desde a EGAP apostamos por una formación permanentemente conectada coa realidade e os retos aos que se enfronta a Administración pública”, afirmou Sonia Rodríguez-Campos. “Actividades como esta permiten actualizar coñecementos, compartir experiencias e reforzar as competencias necesarias para ofrecer unha resposta administrativa cada vez máis eficaz e de maior calidade”, engadiu.

A actividade formativa, dirixida polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero Ortega, desenvolverase entre o 17 de setembro e o 22 de outubro cun total de 30 horas e 40 asistentes, nunha modalidade mixta que combinará unha sesión presencial na sede da EGAP, con posteriores sesións de telepresenza a través da aula virtual da Escola.

O curso afondará na importancia que ten a intervención administrativa nos sectores regulados para garantir o adecuado funcionamento de actividades económicas de especial relevancia estratéxica, así como para asegurar a protección do interese xeral e preservar principios como a competencia efectiva, a sustentabilidade, a seguridade xurídica e a calidade na prestación de servizos.

Neste contexto, marcado pola crecente complexidade normativa, a transformación dos mercados e a intensificación dos procesos de supervisión e control, a EGAP pretende reforzar a capacitación especializada do persoal empregado público. O curso pretende achegar ferramentas que permitan comprender e aplicar con maior profundidade as diferentes técnicas de regulación e intervención económica.

Entre os obxectivos da actividade atópanse capacitar aos asistentes nas técnicas de regulación e intervención económica, favorecer a adopción de regulacións máis intelixentes e xerar unha cultura de análise racional da intervención administrativa económica.

Un programa especializado e transversal

O programa abordará, desde diferentes perspectivas, os fundamentos da intervención administrativa e as súas principais formas, así como a regulación como técnica de intervención e o seu marco constitucional.

As sesións permitirán analizar a intervención administrativa en sectores regulados, con especial atención ao sector eléctrico, así como a intervención administrativa económica no ámbito local. Tamén se estudará a intervención económica desde a perspectiva da Unión Europea e as súas proxeccións específicas no ámbito das telecomunicacións.

O programa completarase con contidos dedicados ás boas prácticas de regulación, á potestade regulamentaria e ao dereito autonómico de Galicia, achegando así unha visión ampla da ordenación da actividade económica desde as diferentes escalas e ámbitos de actuación administrativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026