A directora de Protección da Legalidade Urbanística, Victoria Núñez, participou na actividade 'Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio', co alumnado de 3º a 6º de primaria

A Xunta achega ao alumnado do CEIP de Cartelle a importancia do coidado do territorio a través da APLU no marco da semana da Administración aberta

O programa educativo da APLU levase a cabo ao abeiro do proxecto Terra e desenvólvese en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG),

O programa busca fomentar entre os máis novos o coñecemento do territorio, a protección da paisaxe e o respecto polo urbanismo responsable

A actividade de hoxe inclúese na programación da Semana da Administración Aberta da Xunta, destinada a achegar á cidadanía o funcionamento das institucións públicas

Cartelle (Ourense), 22 de maio de 2026

A Xunta achegou hoxe ao alumnado do CEIP de Cartelle as actividades do proxecto lúdico-educativo “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio”, unha iniciativa promovida pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) no marco do Proxecto Terra para sensibilizar aos escolares sobre a importancia da ordenación do territorio, a protección da paisaxe e o urbanismo sustentable.

A actividade, na que participou a directora da APLU en Ourense, estivo dirixida aos alumnos de 3º a 6º de Educación Primaria, que tiveron a oportunidade de coñecer de maneira práctica e participativa o papel que desempeñan os chamados “subinspectores urbanísticos” na conservación do territorio e na promoción de boas prácticas urbanísticas.

Este proxecto desenvólvese en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e ten como obxectivo achegar aos máis novos á realidade territorial galega, favorecendo a comprensión da contorna na que viven e fomentando valores relacionados co respecto ao patrimonio, á paisaxe e ao desenvolvemento sostible.

Administración autonómica

A xornada impartida hoxe no centro escolar de Cartelle enmárcase,  ademais, na programación da Semana da Administración Aberta da Xunta, unha iniciativa coa que o Goberno galego busca reforzar os principios de transparencia, participación cidadá e proximidade á sociedade.  Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.

A través desta semana, a Xunta invita á cidadanía a coñecer de primeira man o funcionamento da Administración autonómica, así como os mecanismos que permiten participar na elaboración, planificación e avaliación das políticas públicas.

Neste contexto, a actividade desenvolvida hoxe en Cartelle pola APLU constitúe un exemplo de como as institucións públicas poden achegarse aos máis novos para explicar o seu labor e promover unha cidadanía máis informada, responsable e comprometida co seu territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026