Medio Rural lembra aos propietarios a importancia de xestionar a biomasa nas faixas secundarias antes do 31 de maio
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiu hoxe a comisión de seguimento do convenio asinado entre a Consellería e a empresa pública Seaga para dar apoio a particulares e municipios no cumprimento das súas obrigas
Actualmente xa solicitaron a súa adhesión a este acordo 298 concellos, polo que máis do 95 % das localidades galegas realizaron este trámite e superan os que estaban adheridos ao anterior acordo
O novo convenio duplica o seu orzamento ata os 25 M€ anuais e incrementa o número de parroquias priorizadas, pasando de 157 a 276, facilitando que os propietarios dos poidan contratar o servizo de Seaga a un prezo reducido de 420 euros/hectárea
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, presidiu hoxe unha nova comisión de seguimento do convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinado entre a Consellería do Medio Rural e a empresa pública Seaga. Neste sentido, cómpre incidir na importancia da colaboración cidadá e que os propietarios realicen as tarefas de limpeza antes do 31 de maio, tal e como se establece na normativa. A partir desa data, comezaranse as inspeccións, nas que se colabora cos concellos adheridos a través do convenio.
Actualmente, 298 concellos xa solicitaron a súa incorporación ao acordo de colaboración entre a Consellería e Seaga, polo que máis do 95 % dos municipios galegos realizaron este trámite e superan os que estaban adheridos ao anterior acordo. De feito, a reunión de hoxe centrouse en avaliar as últimas solicitudes de adhesión recibidas e outras vinculadas ao desenvolvemento do convenio, así como tamén na análise e planificación das actuacións ao seu abeiro.
Cómpre lembrar que desde a Consellería se estableceu como prazo idóneo para a adhesión o 21 de marzo, e antes do 31 de marzo para que os concellos enviaran a planificación e solicitar actuacións ao abeiro do convenio, pero tan só o 30 % o fixeron, principalmente para a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal.
En canto á reunión de hoxe, esta centrouse en avaliar as últimas solicitudes de adhesión recibidas e outras vinculadas ao desenvolvemento do convenio, así como tamén na análise e planificación das actuacións ao seu abeiro.
Maior orzamento e outras novidades
O principal obxectivo desta iniciativa do Goberno galego, posta en marcha xa desde 2018, é apoiar os propietarios e os concellos no cumprimento das súas obrigas en relación coa prevención e defensa fronte o lume nas faixas próximas ás vivendas, é dicir, naquelas de 50 metros que rodean os núcleos de poboación. O actual acordo, con vixencia ata 2029 e un orzamento anual de 25 millóns de euros -o dobre que no anterior-, asinouse o pasado mes de decembro.
Ademais, o novo convenio inclúe outras novidades como un reforzo ao apoio que se presta aos concellos, en especial a aqueles de menos de 10.000 habitantes, así como aos particulares. Ademais, promóvese a realización, de xeito áxil, das execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas legais.
Na mesma liña, incrementouse o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276, nas que os particulares teñen a opción de contratar a Seaga directamente para realizar as rozas preventivas por un importe de 420 euros por hectárea. A maiores, cómpre lembrar que se continúa a ofrecer a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano -fóra desas parroquias catalogadas como priorizadas- e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se está ampliando o subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas desas parcelas.
Así mesmo, a través de Seaga os concellos adheridos terán á súa disposición axuda para a revisión ou modificación do plan municipal de prevención; e tamén apoio para realizar as inspeccións e notificacións aos titulares das fincas.