A Xunta pecha as actividades da Semana da Administración Aberta cunha xornada educativa

O conselleiro de Facenda e Administración Pública conversou cun grupo de alumnos e alumnas de 1º da ESO na sala do Consello

A iniciativa busca transmitir aos máis novos os valores de transparencia, rendición de contas, participación cidadá, integridade pública e colaboración

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2026

A Xunta pechou as actividades da Semana da Administración Aberta cunha xornada de portas abertas. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, recibiu a un grupo de alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES de Cacheiras, que tras visitar a sede da administración autonómica, conversaron co responsable da Facenda galega e transmitíronlle as súas propostas de mellora da Administración na sala onde se celebran as reunións do Consello de Goberno.

Miguel Corgos animou ao alumnado a trasladar a súa visión e as súas propostas de mellora da Administración autonómica, fomentando deste xeito a concienciación de que o goberno aberto implica a participación de todos e todas. Os mozos e mozas explicaron ao conselleiro as súas preocupacións en temas como as infraestruturas, a educación, a economía e o medio ambiente, aplicadas á realidade que os rodea a diario.

Neste senso, a iniciativa busca transmitir aos máis novos os valores de goberno aberto, como a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou o encontro para informar aos rapaces de que a Consellería elabora cada ano o Orzamento Cidadán, un libriño que se pode descargar en formato electrónico e no que se explica, de maneira moi sinxela, que é o orzamento e como se elabora, que ingresos e gastos ten a Comunidade ou como se distribúen os recursos desde a Administración autonómica. Ademais de incluír as principais magnitudes económicas e o Plan Estratéxico de Galicia 2030, que é o instrumento co que conta a Xunta para planificar a medio prazo as súas actuacións.

Semana do Goberno Aberto

Ao longo desta semana, a Consellería de Facenda e Administración Pública organizou actividades e xornadas de participación social nas que se implicaron as consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta. Constitúe unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2026