A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Tordoia (A Coruña) as instalacións desta empresa do sector agrícola e forestal

Lorenzana pon a TMC Cancela como exemplo da aposta pola internacionalización das empresas galegas

“Desde o rural sabe como proxectar un alto nivel de competitividade que lle permite situarse en máis de medio cento de países”, di

Lembra que Galicia foi en marzo a quinta comunidade máis exportadora do Estado, con preto de 2.900 millóns de euros

Tordoia (A Coruña), 22 de maio 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe á empresa TMC Cancela como exemplo da aposta pola internacionalización que está a facer o tecido produtivo galego  nun “mercado que está cada vez máis internacionalizado”, dixo.

Lorenzana visitou en Tordoia (A Coruña) a sede desta empresa con máis de 50 anos de traxectoria e especializada na fabricación de máquinas trituradoras e desbrozadoras de uso agrícola. “Desde o rural de Galicia sabe como proxectar un alto nivel de competitividade que lle permite situarse hoxe en máis de medio cento de países”, subliñou.

Durante a visita, lembrou que este comportamento “reprodúcese na maior parte da empresas galegas”, feito que segundo explicou, reflicte o bo comportamento de Galicia a nivel exportador. “Vimos de rexistrar anos moi sólidos en exportacións e cun tecido empresarial cada vez máis profesionalizado e diversificado”, sinalou. 

Nesta liña, subliñou que no mes de marzo “ocupamos a quinta posición na clasificación das Comunidades Autónomas máis exportadoras do Estado ao representar o 8,1 % das exportacións a nivel nacional, con preto de 2.900 millóns de euros, o que confirma o dinamismo da economía galega”.

María Jesús Lorenzana tamén puxo en valor a capacidade das empresas galegas para saber identificar os retos de cada momento e convertelos nunha oportunidade de crecemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026