A Xunta inicia o luns a vacinación fronte ao virus do papiloma humano aos varóns de ata 25 anos
A ampliación da cobertura do programa de inmunización que cubría aos menores de 21 anos incluirá desde agora todos os varóns nados a partir do ano 2001
Estímase que esta decisión permitirá vacinar 21.000 persoas máis
A pauta de vacinación consistirá na administración dunha única dose co que se simplifica o proceso de inmunización
O virus do papiloma humano é a infección de transmisión sexual máis común a nivel mundial
As persoas que desexen vacinarse fronte ao virus do papiloma humano poderán solicitar a súa cita a través da aplicación Sergas Móbil ou chamando ao seu centro de saúde
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2026
A Xunta de Galicia iniciará o vindeiro luns, 25 de maio, a vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) a todos os varóns de ata 25 anos de idade. Deste xeito, o Executivo galego habilita a posibilidade de vacinarse fronte á infección de transmisión sexual máis común a todos os mozos nados desde o ano 2001.
No ano 2022, a Consellería de Sanidade introduciu esta vacina no calendario galego de inmunización ao longo de toda a vida para todos os varóns de 12 anos. Así, e tras diferentes ampliacións da cobertura, a inmunización dos mozos foise estendendo ata os 19 anos, logo ata os de 21 e agora chega aos mozos ata 25 anos. No caso da poboación feminina, a súa vacinación foi incluída de xeito sistemático no programa galego desde o ano 2008.
A pauta de vacinación para estas novas cohortes consistirá na administración dunha soa dose, seguindo as recomendacións vixentes e simplificando o proceso de inmunización.
As persoas que desexen vacinarse fronte ao virus do papiloma humano poderán solicitar a súa cita a través da aplicación Sergas Móbil ou chamando ao seu centro de saúde.
O virus do papiloma humano (VPH) é a infección de transmisión sexual máis común a nivel mundial. A maioría das veces a infección resólvese soa pero, se permanece, é un colaborador imprescindible para o desenvolvemento de cancro de colo de útero, vulva, vaxina, ano, pene, orofarinxe e boca en homes ou mulleres.
Co obxectivo de reducir a circulación do virus entre a poboación galega, o Executivo galego destina unha partida de 982.827 euros para vacinar a arredor de 21.000 varóns nados entre os anos 2001 e 2003.
A ampliación da poboación diana masculina repercutirá directamente na saúde dos homes e mulleres galegas en canto a morbi-mortalidade vencellada a este virus. Deste xeito, a Xunta reafirma o seu compromiso coa calidade asistencial e a prevención, garantindo que as cohortes de maior idade que non foron incluídas inicialmente no calendario sistemático teñan acceso á máxima protección.