A Xunta destina preto de 200.000 € a un novo programa educativo para concienciar á comunidade escolar galega en materia de economía circular
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático adxudica o servizo para deseñar e desenvolver esta iniciativa pedagóxica durante o curso 2026-2027 co obxectivo de chegar a un total de 250 centros de educación primaria de toda Galicia
Entre as actuacións a realizar haberá obradoiros de formación presenciais, apoio pedagóxico ao profesorado, propostas de actividades e a creación dun foro dixital e dun espazo web propio do programa con material e información de utilidade
Os colexios participantes serán recoñecidos tamén co distintivo Escola EcoCircular polas súas boas prácticas e poderán participar no concurso escolar Misión Circular
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2026
A Xunta acaba de adxudicar por un importe de 187.837,98 euros o deseño e desenvolvemento dun novo programa educativo integral co fin de formar, sensibilizar e implicar de forma activa á comunidade escolar na transición cara a unha economía circular e na mellora da xestión dos residuos, promovendo entre o alumnado hábitos responsables e, por extensión, entre o profesorado e as súas familias.
Esta actividade formativa, que se porá en marcha no primeiro trimestre do curso 2026-2027, vai dirixida a alumnado de entre 7 e 12 anos —de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria— e incluirá accións concretas para incidir na formación temperá dos participantes en materia de sostibilidade e xestión dos refugallos domésticos.
Esta primeira edición estará aberta á participación de ata 250 colexios de Primaria, que deberán solicitalo previamente, co obxectivo de beneficiar a máis de 25.000 nenas e nenos aínda que de forma indirecta se agarda poder chegar a uns 100.000 membros da comunidade educativa entre alumando, profesorado e familias.
Entre as actuacións incluídas neste programa de educación ambiental sobre economía circular, organizaranse obradoiros formativos de carácter práctico e dinámico e crearase o distintivo Escola EcoCircular para recoñecer as boas prácticas e o compromiso coa circularidade dos participantes. Con tal fin, promoveranse dinámicas participativas e traballarase con recursos que reforcen os seus coñecementos sobre circularidade e redución e reutilización, para integrar estas mensaxes nas aulas.
Ademais, o profesorado recibirá apoio pedagóxico e terá á súa disposición material específico e variado para traballar co seu alumnado. Fomentaranse, sobre todo, os recursos dixitais relacionados co programa, que disporá dun espazo web propio desde onde os centros poderán inscribirse, obter información sobre a iniciativa e descargar instrumentos didácticos; e habilitarase un foro en liña de economía circular como espazo colaborativo para o intercambio de experiencias e propostas metodolóxicas.
Así mesmo, para dinamizar o programa e lograr unha maior implicación, porase en marcha o concurso Misión Circular, que premiará as ideas máis innovadoras e creativas propostas polos colexios participantes para aplicar os principios da economía circular no seu día a día a través de medidas relacionadas, por exemplo, coa xestión dos residuos ou co fomento da reciclaxe.
A mocidade como motor de cambio
A mocidade representa o futuro e o principal motor de cambio a medio prazo xa que constitúe unha peza clave para deixar atrás o modelo caduco de usar e tirar e impulsar, desde a base, novos hábitos na cidadanía galega baseados nos principios de sostibilidade ambiental que promove a economía circular.
Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aposta por este tipo de accións formativas en materia de residuos no ámbito escolar como unha iniciativa que informa, para facilitar coñecementos claros e útiles sobre separación e reciclaxe; sensibiliza, xerando conciencia nas novas xeracións; e mobiliza, promovendo a adopción de boas prácticas tanto nos centros educativos como por extensión nos fogares.
Neste sentido, o novo programa de educación ambiental sobre economía circular enmárcase e virá complementar a estratexia de formación e sensibilización en materia de residuos que promove a Xunta este ano, cun orzamento total de 1,8 millóns de euros e que porá o foco sobre todo naqueles colectivos chamados a xogar un papel crucial no impulso da economía circular e na transición cara a un modelo máis responsable.
Para avanzar neste camiño, a planificación deseñada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inclúe tamén campañas de divulgación específicas dirixidas á comunidade educativa, con especial atención ao alumnado e profesorado de Primaria, a usuarios e titulares de comercios locais e, por último, á cidadanía en xeral.