A Xunta busca atraer 40 investigadores posdoutorais internacionais a Galicia co novo programa Talentgal
Abre a primeira convocatoria desta iniciativa estratéxica de captación e consolidación de talento investigador para os centros de investigación da Rede CIGUS
Talentgal conta cun investimento superior as 11 M€ para incorporar 40 científicos de excelencia internacional e nesta primeira convocatoria seleccionaranse 20
Os profesionais interesados en desenvolver a súa carreira en Galicia poderán presentar a súa solicitude a través da plataforma do programa ata o 23 de xullo
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2026
A Xunta de Galicia busca atraer 40 investigadores posdoutorais internacionais para a Rede CIGUS, que agrupa os centros das universidades galegas de excelencia. Trátase do novo programa Talentgal, unha iniciativa estratéxica de captación e consolidación de talento co obxectivo de posicionar a Galicia Calidade como un dos grandes polos europeos de I+G+i. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP acaba de abrir a primeira convocatoria de Talentgal, na que se seleccionarán os 20 primeiros investigadores de alto nivel.
Este proxecto, para o que Galicia conseguíu financiación no marco do prestixioso programa europeo Marie Sklodowska-Curie (MSCA) Cofund, supón un novo fito para a I+G+i, xa que posibilitará a contratación de 40 científicos para que leven a cabo labores de investigación en áreas especializadas nos centros máis prestixiosos das nosas universidades públicas. Os novos profesionais que se incorporen aos centros CIGUS poderán centrar as súas investigacións en áreas clave para Galicia como biotecnoloxía, medicina, química, nanomateriais, TIC, enxeñería ambiental ou ciencias mariñas e físicas, entre outras.
Talentgal conta cun investimento de máis de 11 M€. Nesta primeira convocatoria seleccionaranse 20 persoas que desenvolverán a súa carreira nun dos dez centros da Rede CIGUS. A segunda convocatoria está prevista para 2027 e permitirá incorporar outros 20 científicos excelentes.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 23 de xullo e os interesados poderán enviar as súas candidaturas a través da plataforma habilitada polo programa.
Aposta pola excelencia científica
Os profesionais seleccionados accederán a contratos competitivos e contornas de investigación de excelencia, así como a un programa integral de desenvolvemento professional que inclúe formación avanzada, mentoría personalizada e estadías internacionais en universidades, empresas e administracións públicas. Esta iniciativa busca reforzar a transferencia de coñecemento, fomentar a colaboración intersectorial e ampliar o impacto social e económico da investigación desenvolvida en Galicia.
A Rede CIGUS está conformada por 10 centros de investigación das tres universidades galegas e conta con máis de 1.600 investigadores. Baixo esta marca a Xunta financia, visibiliza e vertebra a investigación universitaria de excelencia. De feito, nos últimos cinco anos logrou captar máis de 221 M€ en proxectos competitivos, o que supón un notable retorno económico nunha rede á que a Xunta destinou case 68 M€.
Co lanzamento de Talentgal, o Goberno galego reforza a súa aposta pola excelencia científica, a internacionalización do sistema galego de I+D+i e a atracción de talento investigador global, consolidando Galicia como un destino de referencia para a investigación posdoutoral de alto nivel en Europa.