A Xunta móstralle ao alumnado do IES Lucus Augusti o labor do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia

A actividade enmárcase na Semana da Administración Aberta 2026 da Xunta de Galicia e na Estratexia do Laboratorio de Saúde Pública 2026-2030

A directora do laboratorio, xunto co seu equipo, explicaron ao estudantado a actividade e as funcións que o laboratorio realiza dentro dos programas de vixilancia e control no ámbito da saúde ambiental e da seguridade alimentaria

Lugo, 22 de maio de 2026

O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia situado en Lugo recibiu esta mañá a visita do alumnado e do profesorado do IES Lucus Augusti. No encontro estudantes e profesorado puideron coñecer de primeira man o conxunto de funcións e actividades que o laboratorio desenvolve nos ámbitos da saúde ambiental e da seguridade alimentaria. 

A iniciativa forma parte da programación da Semana da Administración Aberta que impulsa a Xunta de Galicia, unha proposta orientada a achegar á cidadanía ao funcionamento da Administración autonómica e fomentar os principios de transparencia, participación e proximidade institucional.

O IES Lucus Augusti mantén unha estreita colaboración co laboratorio, ao que envía anualmente alumnado tanto dos ciclos medios como superiores, para a realización de prácticas formativas. De feito, dous dos alumnos do IES Lucus Augusti que actualmente realizan prácticas neste centro compartiron coa comunidade educativa a súa experiencia formativa nestas instalacións da Consellería de Sanidade. 

Durante a visita, o alumnado percorreu as catro plantas das que dispón o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e coñeceu as instalacións, o equipamento e as distintas técnicas analíticas que se empregan nos programas de vixilancia e protección da saúde que promove a Dirección Xeral de Saúde Pública.

A visita, ademais de inserirse na Semana da Administración Aberta tamén se integra nas accións previstas na Estratexia do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia 2026-2030, concretamente, no eixe estratéxico 7: orientación cara á sociedade, a calidade total e a sostibilidade, que reforza a aposta pola formación, a innovación, a transparencia e a colaboración co ámbito educativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026