Medio Rural destaca a importancia dos soutos de castiñeiros na conservación da riqueza forestal galega
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, asistiu a unha xornada técnica sobre o castiñeiro organizada pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos en Lalín
Lalín (Pontevedra), 24 maio de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, asistiu hoxe a unha xornada técnica sobre o castiñeiro organizada pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos en Lalín. Nela, destacou a importancia dos soutos de castiñeiros na conservación da riqueza forestal de Galicia.
Neste sentido, desde a Consellería do Medio Rural apóstase por este tipo de plantacións e por iso estase a desenvolver o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, enmarcado no Plan Forestal de Galicia 2021-2040. A través deste programa estase a traballar con instrumentos como as agrupacións forestais de xestión conxunta para impulsar os soutos, pero tamén se conta con axudas como as destinadas para a plantación de castiñeiros para froito e a mellora de soutos tradicionais.
A maiores, este ano convocáronse cun orzamento de 15 millóns de euros para o período 2026-27 as axudas de silvicultura, que dispoñen dunha liña específica dirixida á rehabilitación de soutos tradicionais.