A Xunta terá publicadas a vindeira semana as convocatorias de 12 procesos selectivos con máis de 600 prazas ofertadas

Trátase dun avance dos 41 procesos que se convocarán en 2026, cun total de 2.039 prazas

Tamén se están realizando os primeiros exercicios dos 30 procesos do ano pasado, nos que se ofertaron preto de 1.300 prazas

A Consellería de Facenda e Administración Pública enfronta o reto da renovación de efectivos co compromiso de convocar esta lexislatura máis de 4.000 novas prazas

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

A Xunta terá publicadas a vindeira semana as convocatorias de 12 procesos selectivos con 617 prazas ofertadas, do total de 41 procesos selectivos que se convocarán en 2026, con 2.039 prazas.

As probas selectivas destes procesos xa se están realizando. O pasado venres, no recinto da Feira Internacional de Silleda, tivo lugar o primeiro exercicio dos procesos selectivos para cubrir 29 prazas da especialidade de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada e 199 prazas da especialidade de bombeiro/a forestal.

Por outra parte, continúan desenvolvéndose, segundo o calendario previsto, os primeiros exercicios dos 30 procesos selectivos convocados en 2025, nos que se ofertaron un total de 1.267 prazas. Na case totalidade do procesos (26 deles), o primeiro exercicio estará realizado a finais de xuño. Nos catro procesos restantes esta primeira proba terá lugar tras o verán, no mes de setembro.

A Consellería de Facenda e Administración Pública afronta o reto da renovación de efectivos co compromiso de convocar esta lexislatura máis de 4.000 novas prazas para responder ás novas necesidades da Administración e da cidadanía.

Esta semana aprobouse en Comisión de Persoal a convocatoria do proceso selectivo da escala de letrados e letradas e negociouse coas organizacións sindicais as convocatorias dos procesos selectivos da escala de inspección urbanística, especialidades técnica e xurídica, e da escala de axentes de extensión pesqueira.

Ademais, o pasado 8 de maio publicouse no Diario Oficial de Galicia a Oferta de Emprego Público para o ano 2026, con máis de 1.200 prazas da Administración xeral, das cales 811 son prazas de acceso libre, 300 de promoción interna separada e 91 de promoción interna para persoal laboral fixo.

Data de actualización: 22/05/2026