A Xunta destaca a Tarxeta Benvida como referente das medidas de apoio ás familias

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lembrou que esta medida beneficia unhas 10.000 familias cada ano

Teo (A Coruña), 23 de maio do 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada pola alcaldesa do concello, Lucía Calvo de la Uz, visitou a farmacia Cruces, en Teo, para poñer en valor a Tarxeta Benvida, unha medida pioneira da Xunta e que, segundo recalcou, é xa un referente entre as políticas públicas de apoio ás familias.

Fabiola García lembrou que a Xunta destina preto de 32 millóns de euros a esta medida que xa beneficiou a máis de 120.000 familias nos últimos anos. Deste xeito, indicou que a contía da axuda que reciben as familias é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla. Esta cantidade duplícase o primeiro ano para o terceiro fillo e sucesivos, e increméntase un 25% para as familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a axuda pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

As familias que vaian ter un fillo poden solicitar a Tarxeta Benvida desde a semana 21 de xestación para mercar todo o necesario para a chegada do bebé. O obxectivo desta iniciativa da Xunta é facilitar a adquisición de produtos de primeira necesidade ou útiles esenciais como o carriño ou a cadeira do coche. Ademais, moitas destas compras poden facerse en establecementos locais, en farmacias ou tendas especializadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2026