A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia esclarece dous lumes forestais nos concellos de Santiago de Compostela e O Pereiro de Aguiar

Os dous foron consecuencia de queimas realizadas sen as medidas de seguridade necesarias

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) vén de esclarecer un incendio forestal en Santiago de Compostela e outro no concello ourensán do Pereiro de Aguiar.

Por unha parte, axentes do Grupo de Investigación de Incendios da xefatura da UPA en Santiago de Compostela esclareceron un incendio forestal rexistrado o pasado 30 de abril na parroquia da Peregrina, do concello de Santiago de Compostela, que afectou 1,41 hectáreas de monte arborado. Na extinción do lume participaron medios de extinción da Consellería de Medio Rural e as dilixencias por estes feitos foron remitidas o Xulgado de Garda de Santiago de Compostela.

Por outra parte, no caso do Pereiro de Aguiar, axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Xefatura Provincial da UPA en Ourense esclareceron un conato rexistrado o pasado 26 de abril no lugar de Vilariño que afectou 0,16 hectáreas de terreo (a metade arborado e a outra metade monte raso). Na extinción do incendio participaron un Axente Forestal, dúas Brigadas de extinción e dúas motobombas e as dilixencias por estes feitos remitíronse á sección de instrución do Tribunal de Instancia en funcións de Garda de Ourense.

En ambos casos, tras unha inspección ocular, os axentes determinaron que os dous lumes foron orixinados por queimas realizadas sen a salvagarda das debidas medidas de seguridade necesarias.

No que vai de campaña, a UPA leva nove persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.

A Xunta apela á concienciación e á prudencia de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Data de actualización: 22/05/2026