O presidente da Xunta visitou a Casa de Galicia de Las Palmas de Gran Canaria e participou nun almorzo institucional sobre o Camiño de Santiago
Rueda pon en valor os vínculos xacobeos entre Galicia e Canarias e reivindica o próximo Ano Santo como unha oportunidade única para visitar a comunidade
Invita aos canarios e aos galegos residentes nas illas a achegarse e participar no Xacobeo 2027, un evento que será histórico
Las Palmas de Gran Canaria, 22 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor os vínculos xacobeos que unen a Galicia e Canarias, xa que “o fenómeno xacobeo vai moito máis alá das nosas fronteiras”, e reivindicou o próximo Ano Santo como unha oportunidade única para visitar a comunidade autónoma. “No que queda deste ano e no seguinte queremos aproveitar a forte presenza do Camiño de Santiago nestas illas para emprender accións que supoñan que os miles de canarios que chegan a Santiago cada ano o coñezan moito mellor”, resaltou Rueda.
Así o sinalou este mediodía durante a súa participación no almorzo institucional Canarias, Tierra Jacobea, que congregou a representantes da comunidade galega nas Illas, a autoridades insulares e locais e a representantes empresariais. Previamente, o titular do Executivo galego visitou a Casa de Galicia, situada na capital gran canaria. Cómpre lembrar que nas Canarias viven uns 25.000 galegos.
Tal e como explicou o presidente autonómico, ambas comunidades están unidas por lazos de tradición xacobea e veñen mantendo relacións fluídas ao redor das súas dúas rutas de peregrinación: o Camiño de Santiago e o Camiño de Santiago entre volcáns, que percorre a illa de Gran Canarias. Un exemplo de cooperación a iniciativa solidaria Camiño dos valores, organizada por #UP2U Project, que leva a menores en risco de exclusión ou en situación de vulnerabilidade a percorrer ambas rutas.
Na súa intervención, Rueda destacou a importancia de seguir afianzando estes lazos, especialmente ás portas do Xacobeo 2027, que o Goberno galego pretende converter nunha oportunidade histórica. Con este motivo, invitou aos canarios e canarias a achegarse a coñecer Galicia durante o próximo Ano Santo, ademais de convidar aos galegos ou descendentes de galegos residentes nas Illas a tomar parte tamén nesta celebración.
Ademais, o presidente do Goberno galego resaltou a necesidade de traballar en “cuestións de interese común” para as dúas comunidades, como a adaptación a novos nichos de mercado como a eólica mariña: “Canarias e Galicia estamos sinaladas como os primeiros lugares onde comezaría a eólica mariña. Polo tanto, creo que sería bo ir da man á hora de dicirlle ao Goberno central que se van cumprir as normativas e poder desenvolvela canto antes. A oportunidade que temos con esta enerxía é enorme e xa perdemos demasiado tempo”, resaltou Rueda.
Neste sentido, tamén reclamou ao Goberno central a necesidade dunha reunión “canto antes” para falar do financiamento ás comunidades autónomas. E apuntou que, tamén nesta cuestión, Canarias e Galicia teñen “cousas que nos unen” como o custo adicional para a prestación de servizos “polas nosas especificidades”.
Por último, fixo un balance desta visita de dous días a esta comunidade autónoma, que considerou que serviu para construír unha boa base sobre a que seguir afianzando as relacións entre ambas rexións.