A Xunta pon en valor o Día da Amizade organizado pola Asociación Provincial de Amas de Casa que celebra o seu 60 aniversario
Belén do Campo e Gabriel Alén asistiron a este acto conmemorativo no que se entregou o premio á Participación Cidadá a Felipe Senén e se homenaxeou ás asociadas que cumpren 50 e 25 anos de pertenza á entidade
A Coruña, 22 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiron hoxe ao acto central do tradicional Día da Amizade da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña, unha cita especialmente significativa este ano ao conmemorarse o 60 aniversario da institución.
Durante o acto fíxose entrega do Premio á Participación Cidadá ao arqueólogo, historiador da arte e divulgador cultural Felipe Senén, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución á difusión do patrimonio e da cultura galega.
Así mesmo, rendeuse homenaxe ás persoas asociadas que cumpren 50 e 25 anos de pertenza á entidade, nun xesto de recoñecemento á súa fidelidade, compromiso e implicación sostida no tempo.
A delegada da Xunta puxo en valor a traxectoria da asociación ao longo destes 60 anos, destacando o seu papel como espazo de encontro e participación social, así como o seu labor en favor da cohesión social e da solidariedade cidadá.
Así mesmo, Belén do Campo destacou a traxectoria de Rosa Otero, presidenta da asociación e nomeada Filla Adoptiva da cidade da Coruña, unha distinción que pon en valor unha longa carreira de dedicación ao movemento asociativo e ao compromiso coa cidadanía, especialmente coas persoas máis necesitadas.