A Unidade de Policía Nacional Adscrita e Gardacostas de Galicia comisan máis de 20 quilos de percebe na Coruña e 12 quilos de ameixa en Ferrol
No marco dos operativos contra o furtivismo levados a cabo nas rías da Coruña e Ferrol, os axentes identificaron 13 persoas e dous vehículos e tramitaron 12 denuncias por infraccións á Lei de Pesca de Galicia
Santiago de Compostela, 25 de maio 2026
Axentes do Equipo de Resposta Policial (Erpol) da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) e efectivos do servizo de Gardacostas de Galicia levaron a cabo entre o 13 e o 15 de maio varios dispositivos contra a extracción ilegal de recursos mariños nas rías da Coruña e Ferrol, que se saldaron co comiso de máis de 20 quilos de percebe e 12 de ameixa respectivamente. No marco destes operativos, os axentes identificaron 13 persoas e dous vehículos e tramitaron 12 denuncias por infraccións á Lei de Pesca de Galicia.
Por unha parte, no operativo realizado na Coruña participaron axentes da UPA da Coruña e contou coa colaboración da Confraría de Pescadores da Coruña. Os axentes identificaron sete persoas e dous vehículos, e tramitaron sete denuncias por infraccións á Lei de Pesca de Galicia. Como resultado da actuación, interviñéronse 20,15 quilos de percebe, ademais de diverso material empregado para a actividade furtiva. O marisco foi doado a un centro benéfico da cidade da Coruña polo Servizo de Gardacostas de Galicia.
Por outra banda, no dispositivo na ría de Ferrol, no que participou igualmente o Servizo de Gardacostas de Galicia, foron identificadas seis persoas e tramitáronse cinco denuncias pola mesma normativa. Nesta intervención procedeuse á incautación de 12 quilos de ameixa extraída de maneira ilícita, que foi resementada na súa contorna natural por Gardacostas de Galicia.
Este operativo enmárcanse no reforzo realizado pola UPA, en colaboración coa Consellería do Mar e coas confrarías de pescadores, no eido da loita contra o furtivismo e na protección dos recursos mariños afectados. O traballo céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias.