A Xunta salienta en Redondela o apoio autonómico aos centros comerciais abertos para impulsar a dinamización socieconómica das súas contornas
Redondela (Pontevedra), 25 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe o Centro Comercial Aberto de Redondela no marco do peche da súa campaña de dinamización comercial do Día da Nai da que se entregaron hoxe os premios. No marco da visita, que incluíu distintos establecementos, destacou o apoio da Xunta a estas entidades para o desenvolvemento deste tipo de accións que contribúen á dinamización socioeconómica das contornas nas que se integran. Neste sentido, lembrou a formación que promove o Goberno galego en xestión e transformación comercial destinado a profesionais e responsables de áreas comerciais urbanas, que se prolongará ata o vindeiro 19 de xuño e que se enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 co fin de impulsar a competitividade do comercio local.
Nesta formación trátanse cuestións como a situación actual do comercio, a xestión dos centros comerciais abertos, estratexias de comunicación, técnicas de negociación ou de mobilización de asociados para dar resposta aos retos que afronta o sector e ás novas tendencias de consumo. Ademais, Gabriel Alén lembrou que este ano o Executivo autonómico destinou 2,5 M€ ás achegas enfocadas a impulsar as actividades dos centros comerciais abertos (CCA) da Comunidade.