A Xunta defende un sistema de financiamento autonómico no que as persoas conten cos mesmos servizos públicos con independencia de onde residan

Galicia pide ao Goberno central que retire a proposta do SFA que rexeitan case todas as CC.AA. e que consensúe unha reforma

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou as XIV xornadas RIFDE e participou nunha das mesas redondas titulada Veremos en 2026 unha reforma do sistema de financiamento autonómico?

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

A Xunta defende un Sistema de Financiamento Autonómico (SAF) no que as persoas conten cos mesmos servizos públicos con independencia do lugar no que residan. Por esa razón, Galicia pide ao Goberno central que retire a proposta do SFA que rexeitan todas as CC.AA. de réxime común -menos unha- e que consensúe unha reforma.

Durante a súa participación na inauguración das XIV Xornadas da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira (RIFDE) e na mesa redonda Veremos en 2026 unha reforma do sistema de financiamento autonómico?, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que a proposta que presentou o Goberno español tras sete anos, é inaceptable, porque cambia o eixo do modelo. Pasaríase do criterio de poboación axustada, con variables reais de gasto, cara a capacidade tributaria de cada comunidade. Isto suporía, afirmou Miguel Corgos, que as CC.AA. que teñan “unha maior capacidade tributaria poderían prestar mellores servizos públicos.”

Para Corgos, o proxecto é especialmente prexudicial para Galicia, xa que a ponderación para a dispersión e o envellecemento, principais factores de gasto na comunidade galega, perde aínda máis peso no novo modelo. “Esta proposta afecta de forma grave aos factores de custo que son clave para poder prestar os servizos públicos fundamentais en termos de igualdade en todas as comunidades. Este sistema lamina o peso do envellecemento e da dispersión e, por tanto, prexudica moito, non só a Galicia, senón a todas as comunidades do noroeste de España”, abundou.

O responsable da Facenda galega avogou por consensuar unha reforma que reforce a igualdade real e a solidariedade interterritorial, con máis recursos para todos os territorios e tendo en conta o custo real dos servizos, unha asignación cuxa base reflicta as diferencias de custo entre as diferentes Comunidades Autónomas e un reparto equitativo, para evitar diferencias entre territorios. “Pedimos ao ministerio que reflexione e que plantexe unha nova proposta de modelo falando con todas as comunidades e non, simplemente, tomando como seu un modelo que lle propón un socio de Goberno con intereses particulares”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026