O conselleiro de Educación entrega os premios Tolerancia cero fronte ao acoso escolar, ConVivimos e Boas prácticas de educación inclusiva
A Xunta recoñece o traballo de 21 centros e unha aula hospitalaria en prol da convivencia escolar e a inclusión
Román Rodríguez sinala estes ámbitos como prioritarios nas políticas educativas do Goberno galego e destaca as iniciativas que se están a lanzar ao respecto
Destaca que o novo Plan para o impulso da atención á diversidade, que supón o reforzo e consolidación de 400 especialistas de apoio e novos recursos
Sinala o novo Contrato de Vida Dixital como unha ferramenta en prol da corresponsabilidade no uso das tecnoloxías e en prol dun bo clima nas aulas
Pon en valor o amplo abano de medidas impulsadas pola Xunta para erradicar o acoso e comprométese a seguir traballando niso mentres exista un só caso
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entregou esta mañá os galardóns da edición 2025 dos premios Tolerancia cero fronte ao acoso escolar, ConVivimos de convivencia e benestar emocional e Boas prácticas de educación inclusiva. Con eles, a Xunta recoñece o traballo dun total de 21 centros e unha aula hospitalaria nestes eidos, que son prioritarios nas políticas educativas do Goberno galego.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou os centros premiados pola súa implicación no desenvolvemento de proxectos en prol da eliminación da lacra do acoso escolar, para reforzar o bo clima das aulas e para que cada alumno poida desenvolver ao máximo as súas capacidades independentemente das súas circunstancias persoais. “Desde o Goberno galego traballamos nestes aspectos como as principais liñas da acción de goberno en materia educativa”, dixo, lembrando que se están a implementar novas iniciativas ao respecto.
Neste sentido, destacou a aprobación onte no Consello da Xunta do Plan para o impulso da atención á diversidade de Galicia que se comezará a aplicar xa desde o vindeiro curso 2026-27 e que incluirá o reforzo e consolidación de 400 profesores especialistas neste eido e novos recursos, así como melloras na organización e no traballo de xestión en prol dunha maior axilidade e eficiencia. “Galicia conta co ensino máis inclusivo de España e queremos seguir mellorándoo, incrementando a rede de profesionais dedicados a este labor, facilitando o seu traballo e ofrecendo ás familias unha educación máis personalizada para os seus fillos”, incidiu o conselleiro.
Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego está a intensificar as accións para loitar contra o acoso escolar. A este respecto, detallou que o seu departamento acaba de poñer en marcha o Contrato de Vida Dixital, unha iniciativa pioneira orientada a promover un uso responsable da tecnoloxía entre o alumnado e coa implicación das familias e dos centros educativos. “Fomentamos a corresponsabilidade nun eido que pode incidir dun xeito moi positivo no benestar e na educación dos máis novos, pero que tamén pode xerar problemas de convivencia non desexados”, declarou.
Esta acción vén complementar o amplo abano de iniciativas impulsado pola Xunta través do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar nesta materia, como a Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, a prohibición do uso dos móbiles nos centros, a instalación de Puntos Laranxa para denunciar desde o anonimato posibles casos, o Termómetro Acoso Escolar para mediar a situación nunha aula ou a creación dos Equipos ACAE de Actuación contra o Acoso Escolar, formados por docentes.
“Os casos de acoso representan unha mínima porcentaxe en Galicia, cun 0,06% de procedementos correctores, pero mentres exista un só caso seguiremos actuando para erradicar por completo estas situacións”, comprometeu Román Rodríguez.
Centros galardoados
O premio Tolerancia cero fronte ao acoso para recoñece as actuacións e proxectos de carácter individual ou colectivo desenvolvidos polos centros de ensino que implicaran un alto grao de compromiso coa loita contra situacións contrarias á convivencia escolar.
Os centros galardoados son os seguintes:
|
Categoría A (Infantil e Primaria) |
|
|
1º premio |
CEIP Plurilingüe de San Roque de Darbo (Cangas de Morrazo) |
|
2º premio |
CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia) |
|
3º premio |
CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos) |
|
Mención de honra |
CEIP Eusebio da Guarda (A Coruña) |
|
Categoría B (resto das etapas) |
|
|
1º premio |
IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa) |
|
2º premio |
IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) |
|
3º premio |
IES de Cacheiras (Teo) |
|
Mención de honra |
IES Leiras Pulpeiro (Lugo) |
Pola súa banda, o premio ConVivimos recoñece o esforzo e alto grao de compromiso dos centros educativos na mellora da convivencia e do benestar emocional manifestado a través de diferentes proxectos e actuacións. Neste caso os centros galardoados son:
|
Categoría A (Infantil e Primaria) |
|
|
1º premio |
CEIP de Cervo (Cervo) |
|
2º premio |
CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa) |
|
3º premio |
CEIP O Castiñeiro (Laza) |
|
Mención de honra |
CEIP Plurilingüe de Louro (Muros) |
|
Categoría B (resto das etapas) |
|
|
1º premio |
IES de Cacheiras (Teo) |
|
2º premio |
IES de Poio (Poio) |
|
3º premio |
IES de Cotobade (Cerdedo Cotobade) |
|
Mención de honra |
IES Perdouro (Burela) |
O obxectivo dos premios Boas prácticas de educación inclusiva é impulsar a atención á diversidade e o bo clima nas aulas poñendo en valor o labor que se está a desenvolver nos centros de ensino na promoción dunha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas. Os centros recoñecidos son os seguintes:
|
Categoría A (Infantil e Primaria) |
|
|
1º premio |
CEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui (Tui) |
|
2º premio |
CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Rianxo) |
|
3º premio |
CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa) |
|
Mención de honra |
CEIP Plurilingüe de Leirado (Salvaterra de Miño) |
|
Categoría B (resto das etapas) |
|
|
1º premio |
IES Santa Irene (Vigo) |
|
2º premio |
CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) |
|
3º premio |
IES do Milladoiro (Ames) |
|
Mención de honra |
Aula Hospitalaria do CHUS (Santiago de Compostela) |
Documentos relacionados
- Dossier Premiados