A Xunta abre o prazo de solicitude das axudas para a remuda xeracional no sector pesqueiro
O DOG publica hoxe as bases e a convocatoria desta achega, impulsada pola Consellería do Mar, e dotada con 350.000 €
Dirixidas aos armadores que colaboran na formación dos estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros para facilitar o seu embarque e a súa capacitación a bordo
Dá continuidade ás iniciativas do Goberno galego por reforzar, a través da formación, a competitividade e viabilidade do sector
Santiago de Compostela, 26 de maio do 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a segunda convocatoria de axudas destinadas a seguir impulsando a remuda xeracional no sector pesqueiro. A iniciativa, dotada con 350.000 euros, está cofinanciada nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
Estas achegas teñen como finalidade apoiar aos armadores que colaboran facilitando o embarque dos estudantes que necesitan completar a súa formación profesional en buques pesqueiros, os chamados días de mar. Deste xeito, os estudantes realizarán prácticas a bordo dun buque de pesca e coñecerán de primeira man as melloras acadadas nos últimos anos en materia laboral e de seguridade.
As axudas permitirán aos navieiros compensar parte dos gastos derivados da manutención, equipamento e roupa de traballo do alumnado enrolado, que debe permanecer durante esas xornadas completas a bordo das embarcacións. Ademais, como novidade respecto da convocatoria anterior, tamén os gastos de desprazamento ata o lugar de embarque.
Esta colaboración contribúe a poñer en valor a pesca como sector estratéxico para Galicia, tanto desde o punto de vista económico como social. Ao mesmo tempo, a Administración autonómica dá un salto cualitativo e cuantitativo importante en aras de atallar un dos principais retos, como é garantir a remuda xeracional.
Poderán beneficiarse destes apoios as persoas físicas ou xurídicas e armadores incluídos no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia, que faciliten o embarque dos estudantes dos ciclos formativos náutico-pesqueiros que precisan realizar un período de práctica nun buque de pesca para obter un título profesional pesqueiro.
A orde tramítase en réxime de concorrencia non competitiva, polo que as axudas tramitaranse segundo vaian entrando no rexistro ata esgotar o crédito dispoñible. Os interesados dispoñen de toda a información, así como dos modelos de solicitude na ligazón xunta.gal.
Esta liña de axudas dá continuidade á aposta da Xunta pola formación no ámbito marítimo-pesqueiro, área á que destina no 2026 preto de 12,4 millóns de euros, co obxectivo de ofrecer a mellor capacitación profesional ás persoas interesadas en desenvolver a súa carreira laboral neste sector.