Medio Rural inviste máis de 225.000 euros en traballos silvícolas preventivos no distrito forestal Deza-Tabeirós
A conselleira do Medio Rural visitou o monte do Sixto, no concello de Forcarei, onde se realizaron actuacións nunha superficie de máis de 5 hectáreas
Explicou que estes traballos silvícolas executados en montes de xestión pública de Agolada, Cerdedo Cotobade, Dozón e Forcarei buscan unha correcta prevención de problemas sanitarios causados por pragas e diversas enfermidades
O goberno galego tamén ofrece apoio á propiedade privada con tratamentos gratuítos postos a disposición dos propietarios afectados polas enfermidades das bandas do piñeiro ou as axudas para silvicultura, dotadas este ano cun orzamento de 15 M€
A maiores, a Consellería do Medio Rural desenvolveu un pasteiro de 13,5 hectáreas no monte do Sixto, cun investimento de máis de 177.500 euros, para favorecer a gandaría en extensivo na zona
Forcarei (Pontevedra), 26 de maio de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro; polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; e pola alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro; comprobou o resultado dos traballos silvícolas fronte a pragas e enfermidades en masas de coníferas realizados no monte de xestión pública do Sixto desta localidade. Destacou que desde a Consellería investíronse máis de 225.000 para executar este tipo de tarefas en diferentes montes do Distrito Forestal XVI Deza-Tabeirós, nos concellos de Agolada, Cerdedo Cotobade, Dozón e Forcarei.
Neste sentido, explicou que estes traballos silvícolas executados en montes de xestión pública buscan unha correcta prevención de problemas sanitarios causados por pragas e diversas enfermidades. No caso do Sixto, as tarefas realizáronse en máis de 5 hectáreas, cun investimento superior aos 15.000 euros, e consistiron na roza, poda baixa e xestión de restos nun rodal de piñeiro pinaster; así como a roza, poda alta e a xestión de restos nun rodal de piñeiro de Oregón.
A conselleira salientou que estes traballos son un exemplo do labor que se leva a cabo desde a Administración autonómica nos montes de xestión pública, co obxectivo de mellorar as súas masas forestais. Neste senso, resaltou que Galicia conta con máis de 1.400 montes de xestión pública, que abranguen unha superficie de case 230.000 hectáreas, representado o 15 % da superficie forestal na comunidade. A maiores, tamén puxo en valor que case a totalidade destes montes teñen algún tipo de certificación sustentable.
Apoio á propiedade privada
A maiores, desde a Consellería do Medio Rural ofrécese apoio á propiedade privada, fundamental para loitar contra o abandono do monte. Os propietarios afectados polas enfermidades das bandas do piñeiro teñen á súa disposición tratamentos gratuítos para facer fronte a esta doenza. Ao mesmo tempo, contan con outras accións como son as axudas para a silvicultura, dotadas na convocatoria deste 2026 cun orzamento de 15 millóns de euros.
Pasteiro no monte do Sixto
Ademais destes traballos silvícolas, a Consellería do Medio Rural tamén desenvolveu un pasteiro neste monte do Sixto, cunha superficie de 13,5 hectáreas e un investimento de máis de 177.500 euros. Este tipo de actuacións son fundamentais para o desenvolvemento rural e redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais a través dunha actividade como é a gandaría en extensivo.