A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Oroso (A Coruña) o polígono industrial de Sigüeiro, beneficiario destes apoios
Lorenzana anuncia que as axudas para mellorar as infraestruturas en parques empresariais financiarán 53 actuacións en polígonos este ano
Este parque industrial foi un dos 46 que resultaron beneficiados en toda Galicia na convocatoria de 2026, cun orzamento de 3,5 M€
Como novidade, este ano os apoios tamén se poden destinar a integrar os polígonos na paisaxe
Oroso (A Coruña), 26 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que este ano a convocatoria de axudas da Xunta para mellorar as infraestruturas en parques empresariais, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, permitirá financiar 53 actuacións en polígonos industriais.
Lorenzana, acompañada pola directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, visitou en Oroso (A Coruña) o parque empresarial de Sigüeiro, que este ano recibiu 120.000 euros desta liña de apoios para renovar e mellorar as súas infraestruturas viarias. Este polígono foi un dos 46 que resultaron beneficiados en toda Galicia na convocatoria de 2026.
A conselleira explicou que as axudas cobren ata o 80 por cento do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos do parque empresarial para contribuír á súa integración paisaxística.
Xunto con isto, os apoios cobren a implantación e melloras na iluminación pública nas plantas de depuración de augas e nos colectores con vertedura á depuradora municipal; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias ou nos servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.
A titular de Economía e Industria enmarcou esta actuación na política de solo que está a desenvolver o Goberno galego, “o maior investimento en solo empresarial feito pola Xunta en toda a súa historia”, dixo, con máis de 400 millóns de euros previstos para investir desde agora ata o 2030, concluíu.