A Xunta destaca a aposta do Centro Comercial Aberto Ourense Centro por incentivar o consumo local

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe no acto de entrega de premios co gallo da campaña do Día da Nai organizada polo Centro Comercial Aberto Ourense Centro e apoiada polo Goberno galego

Ourense, 26 de maio de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén,  participou hoxe no acto de entrega de premios co gallo da campaña do Día da Nai organizada polo Centro Comercial Aberto Ourense Centro e apoiada pola Xunta. En concreto, no marco das axudas aos centros comerciais abertos, dotadas este ano con 2,5 millóns de euros.

O director xeral puxo en valor iniciativas coma esta que buscan premiar a fidelidade da clientela de proximidade, aproveitando o reclamo de datas sinaladas para impulsar o comercio local. Recordou que a orde deste 2026 dirixida aos centros comerciais abertos busca reforzar a súa excelencia e capacidade de dinamización a través de accións coma esta, no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Alén aproveitou para lembrar a formación que promove o Goberno galego en xestión e transformación comercial destinado a profesionais e responsables de áreas comerciais urbanas, que se prolongará ata o vindeiro 19 de xuño e que se enmarca tamén no Plan estratéxico. Nesta formación trátanse cuestións como a situación actual do comercio, a xestión dos centros comerciais abertos, estratexias de comunicación, técnicas de negociación ou de mobilización de asociados para dar resposta aos retos que afronta o sector e ás novas tendencias de consumo.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2026