A Casa de Galicia presenta a Festa da Rosa de Mos, un símbolo de identidade galega
Esta celebración está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia
Madrid, 26 de maio de 2026
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación da Festa da Rosa de Mos, unha das celebracións máis representativas do calendario festivo galego, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
O acto contou coa participación do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos; da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; así como de representantes institucionais e convidados vinculados ao ámbito cultural e turístico.
Durante a súa intervención, Luis E. Ramos deu a benvida aos asistentes destacando a importancia desta celebración como “unha exaltación da beleza, da historia, da identidade e da cultura popular galega”.
O director puxo en valor a tradición arredor da rosa de Quirós, un dos elementos máis representativos da festa, así como a dimensión cultural, musical e gastronómica desta cita, que inclúe tamén a exaltación da empanada de millo e a promoción do viño rosado de Galicia.
Neste sentido, destacou que “se queren Galicia Calidade, aí a van atopar”, facendo referencia á ampla oferta cultural, turística e gastronómica que Galicia ofrece durante os meses de verán, coincidindo ademais coa programación dos Concertos do Xacobeo en distintos puntos da comunidade.
Luis E. Ramos agradeceu tamén o labor do Concello de Mos na promoción turística de Galicia e aproveitou a ocasión para poñer en valor o papel da Oficina Económica de Galicia en Madrid como ferramenta para impulsar a proxección económica da comunidade e favorecer a creación de novas oportunidades e emprego.
A presentación serviu para achegar ao público madrileño unha das festas máis singulares da provincia de Pontevedra, que terá o seu fin de semana grande o vindeiro 13 de xuño.