Portos de Galicia e o Concello de Ribeira acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios
O presidente do ente público reuniuse coa alcaldesa para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e, no seu caso, trasladarse ao Concello en base aos criterios técnicos consensuados coa Fegamp
A zona afectada abrangue as beirarrúas de todo o paseo das Carolinas e o Malecón e os edificios do antigo auditorio e o mercado municipal
Ambas administracións abordaron tamén propostas conxuntas para o reforzo da seguridade nas instalacións portuarias
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
Portos de Galicia e o Concello de Ribeira acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e a alcaldesa, María Sampedro, na sede do ente público.
No encontro, ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Ribeira dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente coa Fegamp.
En concreto, no caso do porto de Ribeira, os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello correspóndense coas beirarrúas de todo o paseo das Carolinas e o Malecón e a parte de titularidade portuaria dos edificios do antigo auditorio e o mercado municipal
A reunión co Concello de Ribeira dá continuidade ás celebradas cos de Pontecesures, Fisterra e Cariño e enmárcanse na terceira e última fase do proceso polo que Portos de Galicia está a remitir á Administración Xeral do Estado as propostas de reversión daqueles municipios que solicitaron a titularidade de terreos portuarios de uso público. A día de hoxe, a Xunta remitiu xa as propostas aprobadas polo Consello do Executivo galego e consensuadas na primeira e segunda fase con 17 dos 25 municipios que o solicitaron a fin de que a Administración estatal, como competente na materia, decida sobre a reversión e, no seu caso, transferencia aos concellos.
Colaboración en seguridade
Durante a reunión ambas administracións abordaron tamén propostas conxuntas para o reforzo da seguridade no porto de Ribeira. Portos e Concello coincidiron na vontade de colaboración para a posta en marcha de medidas que minimicen os incidentes provocados por persoal alleo na zona portuaria.