A Xunta avanza no proceso de escoita e diálogo sobre a reforma da Lei de Administración Local de Galicia cunha reunión coa Deputación provincial de Ourense
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou neste encontro xunto co presidente da deputación ourensá, Luis Menor, e representantes do organismo provincial para abordar as súas achegas ao anteproxecto
Co obxectivo de enriquecer o texto e acadar o máximo consenso posible, a Xunta xa se reuniu coa deputación provincial de Lugo e con representantes dos Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Aministración Local, Natalia Prieto, reuniuse hoxe por videoconferencia co presidente da Deputación provincial de Ourense, Luis Menor, e representantes do organismo provincial para abordar as súas achegas ao anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia.
O encontro enmárcase no proceso continuo de escoita e diálogo e de colaboración institucional no que a Administración autonómica vén traballando para seguir enriquecendo o texto coas achegas construtivas que se realicen. Deste xeito, xa se celebraron reunións deste tipo, entre outros, coa Deputación provincial de Lugo e con representantes dos Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (Cosital) da Coruña-Pontevedra, Ourense e Lugo.
O anteproxecto da nova lei é froito dun proceso participativo que recolle a maioría das demandas trasladadas polo municipalismo e durante o actual proceso de tramitación preténdese escoitar todas as achegas para acadar o máximo consenso posible. De feito, a Xunta está avaliando as achegas recibidas por parte de distintas entidades co obxectivo de integrar no texto todas aquelas que teñan espírito construtivo e acadar así o máximo consenso posible. Ademais, posteriormente, o texto será aprobado polo Consello da Xunta como proxecto de lei e remitido ao Parlamento de Galicia para continuar coa súa tramitación parlamentaria, onde poderá seguir enriquecéndose.
En canto ao papel das deputacións que se recolle no texto, cómpre engadir que os entes provinciais son unha peza fundamental do mapa local e o que pretende o texto é reforzar o seu papel para garantir a prestación de servizos, sobre todo nos concellos máis pequenos e con menos recursos.
Outras das medidas recollidas no texto para dar resposta aos cambios das últimas décadas dando resposta a demandas históricas do municipalismo galego están relacionadas coa modernización na organización e funcionamento das entidades locais, o tratamento específico para os concellos en situación de reto demográfico ou a aposta polas fusións voluntarias de concellos e outras fórmulas de colaboración intermunicipal como as mancomunidades e as áreas funcionais de carácter temporal. Ademais, fíxase un novo sistema de participación dos concellos nos tributos autonómicos con criterios que a Xunta tamén lle está demandando ao Estado, como a dispersión xeográfica ou o envellecemento, xa que que a actualización do sistema de financiamento local é competencia do Goberno central.
Cómpre lembrar que o Goberno galego, dentro da marxe que ten, incrementa cada ano as axudas aos concellos. Así, este ano o Fondo de Cooperación Local acada unha cifra récord de 187 millóns de euros dentro das transferencias para os concellos, que neste exercicio tamén acadan cifra récord con máis de 670 millóns de euros.
O anteproxecto da Lei de Administración Local de Galicia é unha reforma integral da norma actual, froito dun intenso traballo de análise dos problemas da Administración local galega. Trátase dunha lei pioneira que converterá Galicia en referente estatal ao adaptar a normativa á realidade demográfica galega actual e dotar ás entidades locais dun novo marco normativo autonómico adaptado ás súas necesidades e ás da súa veciñanza con ferramentas coas que facer fronte aos desafíos do século XXI.