A Xunta ofrece ao Estado os 4,8 M€ do programa de auxiliares de conversa para que asuma directamente a incorporación destas persoas o próximo curso
Román Rodríguez remite unha carta á ministra de Educación na que pon á súa disposición os fondos autonómicos que a Consellería destina cada curso a esta iniciativa como “única vía” para asegurar a súa continuidade nas aulas galegas
“Nós queremos seguir no programa, pero non a costa de multas millonarias que teríamos que pagar cos cartos públicos de todos os galegos”, advirte o conselleiro
Denuncia que o Ministerio de Educación, tras catro meses de retraso, volveu convocar o programa sen incorporar garantías xurídicas para arranxar o problema
Lembra que as discrepancias entre os Ministerios de Educación e de Traballo están a xerar sancións millonarias por parte deste último a varias comunidades
Reitera que, de non aceptar a proposta, o Goberno central será o único responsable de que Galicia teña que prescindir desta iniciativa de gran éxito
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
A Xunta de Galicia ofrécese a ceder ao Goberno do Estado os 4,8 M€ de fondos autonómicos que dedica cada curso ao programa de auxiliares de conversa, de xeito que sexa o Ministerio de Educación o que se encargue directamente da incorporación destas persoas durante o vindeiro curso 2026-2027. Así llo vén de comunicar hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, á ministra Milagros Tolón a través dunha misiva.
O titular de Educación da Xunta compareceu este mércores en rolda de prensa para explicar que esta proposta é “a única saída” que lle queda ao Goberno autonómico para blindar o funcionamento do programa o próximo curso sen ter que enfrontarse a multas millonarias como as que xa lle foron impostas a outras comunidades autónomas por parte do Ministerio de Traballo. Non en balde, este Ministerio ten aberto un procedemento similar á Xunta, aínda sen resolución, na provincia da Coruña.
Román Rodríguez estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que deron conta das consultas e informes técnicos e xurídicos realizados para analizar se a nova convocatoria, que o Ministerio vén de publicar con catro meses de retraso, soluciona ou non o problema existente. “Volve deixarnos aos pés dos cabalos”, declarou ao explicar que non introduce a necesaria seguridade xurídica para resolver o conflito entre ministerios pese a que así lle foi esixido en reiteradas ocasións desde o pasado ano.
Unha ‘trampa’ que non entra no fondo
“Nós queremos continuar co programa, pero, dado que o Goberno central segue sen ofrecernos certezas, optamos por poñer os nosos cartos públicos á súa disposición e que sexan eles os que se encarguen das incorporacións destas persoas ao sistema educativo galego se están tan seguros de que o problema xa está resolto”, declarou. “Dá a sensación de que, incluso, nos queren tender unha trampa”, advertiu o conselleiro, dado que intentan “coar nun suposto novo anexo cuestións que xa aparecían recollidas ata o de agora na guía de funcionamento”, pero sen resolver as cuestións de fondo que están motivando verdadeiramente as inspeccións de traballo. De feito, existe un informe da Avogacía do Estado que non tivo ningún efecto en Andalucía, unha das comunidades xa sancionadas. Xunto coa Comunidade Valenciana, as multas impostas suman xa 25 M€ e hai outros expedientes pendente de resolución, entres eles o que afecta a Galicia.
Unanimidade no Parlamento
Román Rodríguez insiste en que, de seguir neste punto, o Goberno do Estado será “o único responsable” de que Galicia teña que prescindir desde programa de gran éxito desde hai 15 anos, que contribuíu a situar ao noso alumnado co maior nivel de inglés de España, segundo o informe EF. Só este curso temos preto de 700 auxiliares. A este respecto, agradeceu a unanimidade dos grupos políticos no Parlamento ao apoiar a postura do Goberno autonómico en distintas votacións na súa acción co Ministerio.
Cómpre lembrar que o programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación, que é quen marca os requisitos. O Goberno galego cumpre coas condicións marcadas desde o Estado e, ademais, faise cargo da maior parte do custo do mesmo asumindo o 90% do seu financiamento. As persoas que participan neste programa non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora está a esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas, cun seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga a propia Xunta (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).