Lara Meneses anima á mocidade a "aproveitar as oportunidades de contacto co mundo laboral" que ofrece o programa 'Fórmate na empresa'
A directora xeral de Xuventude participa no inicio das estadías formativas na Cámara de Comercio de Santiago no que participan 12 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos
Destaca que se trata dunha iniciativa “consolidada que ten demostrado a eficacia das nosas políticas xuvenís destinadas a favorecer a inserción no eido profesional”
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude segue a apostar por esta proposta que acada unha taxa de inserción do 59,39% nas súas catro edicións con 664 participantes
Este ano desenvólvense 17 proxectos nos que se implican 213 empresas con 204 prazas
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2026
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou hoxe na Cámara de Comercio de Santiago os 12 mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, que inician as súas estadías formativas ao abeiro do programa Fórmate na empresa posto en marcha pola Xunta de Galicia e que, apuntou, “segue a desenvolverse nesta cuarta edición cun grande éxito, chegando este ano a 17 proxectos coa participación de 213 empresas e 204 prazas”.
Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que se trata dunha iniciativa destinada “a facilitar oportunidades á mocidade no seu contacto co mundo laboral con vistas a favorecer a súa inserción neste eido” e animou aos participantes “a aproveitar a experiencia do día a día cos profesionais de cada empresa, coñecendo o seu funcionamento de primeira man”. Ademais, lembrou que se trata dun programa que se complementa “coas accións de mentorizaxe a través do Xuventude Mentoring, constituíndo entre os dous un piar fundamental na nosa estratexia para a promoción da empregabilidade e o desenvolvemento profesional da mocidade”.
Así, o programa, que conta co cofinanciamento do 60% da Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, ofrece ás persoas mozas participantes a posibilidade de realizar estadías formativas retribuídas, de entre tres e catro meses, en entidades vinculadas a sectores económicos estratéxicos de Galicia, como a automoción, o metalmecánico, as tecnoloxías da información e a comunicación, as enerxías renovables, o agroalimentario, o naval ou a moda, contribuíndo á consolidación de perfís profesionais altamente demandados en Galicia.
É o caso das experiencias que ofrece a Cámara de Comercio de Santiago, a través da que os mozos e mozas recibirán formación en empresas como a Plataforma Galiciademoda, Ecos do Sur, BFlow, Recursos Galicia, Lairoside e Enfoques Informativos Editorial., entre outras.
Unha taxa de inserción laboral do 59,35%
Tal e como apuntou Lara Meneses durante a visita, desde a súa creación no 2022, o programa rexistra unha taxa de inserción laboral do 59,35%, cun total de 664 persoas participantes e 486 empresas colaboradoras.
Neste senso, fixo fincapé na “consolidación desta iniciativa que ten demostrado a súa eficacia como unha ferramenta referente tanto pola súa metodoloxía como polos resultados obtidos”, resaltando así “aposta da Xunta por unhas políticas xuvenís que abran vías destinadas a contar cunha mocidade formada, activa e protagonista do seu futuro laboral”. Deste xeito, cómpre destacar que o Goberno galego ten investido nas catro edicións do Fórmate na empresa un total de 6 M€, que sumado ao orzamento do Xuventude Mentoring acada os 10 M€.