O director de Turismo de Galicia comprobou o resultado dos traballos
A Xunta recupera a Fonte da Casa da Inquisición en Salvaterra de Miño para o seu impulso turístico
A intervención, que permitiu recuperar a construción, enmárcase nas liñas de recuperación do patrimonio cultural galego e de dinamización do rural
Salvaterra de Miño (Pontevedra), 27 de maio de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, comprobou esta mañá os traballos de recuperación da Fonte da Casa da Inquisición, situada na parroquia de San Miguel de Corzáns, en Salvaterra de Miño se levaron a cabo co apoio de Turismo de Galicia coa intención de recuperar este ben e poñelo en valor turístico.
Como explicou, a actuación, que se desenvolveu grazas a un convenio asinado entre Turismo de Galicia e o concello deste municipio pontevedrés, consistiu na limpeza e rehabilitación do conxunto, que presentaba unha considerable colonización vexetal con desprendementos de pezas de cantaría e perda da verticalidade, polo que se facía preciso intervir para evitar un maior deterioro.
O director de Turismo de Galicia enmarcou a actuación na estratexia de posta en valor e recuperación do patrimonio arquitectónico cultural e outorgarlle usos turísticos. Merelles destacou que, con estas iniciativas, “a Xunta de Galicia continúa a traballa, ademais, na creación dunha oferta variada e enriquecida”.
Como engadiu, esta variedade da oferta permite non só “avanzar na distribución territorial do turismo por toda Galicia”, senón tamén dinamizar o rural, incidiu Merelles, quen tamén destacou a implicación do Goberno galego coa administración local como “claves para unha estratexia turística exitosa”, en tanto favorecen “unha xestión eficaz dos recursos”, incidiu.
Merelles abundou noutras medidas do seu departamento nesta mesma liña, e puxo de manifesto o traballo que Turismo de Galicia está a realizar para a posta en valor turística deste concello pontevedrés, onde, entre outras accións, está en marcha o Plan Terrirorial de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia inclúe plans de destino como o PSTD Condado Paradanta Destino Enogastronómico, con 1,5M€ de fondos europeos Next Generation neste concello xunto con A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz e Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salceda de Caselas.