A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, deu conta hoxe desta nova actuación

A Xunta licita por 1,1 M€ a construción dunha senda peonil e ciclista de preto de 2,4 quilómetros na PO-841 ao seu paso polo concello da Estrada

O novo itinerario, que será cofinanciado con fondos europeos FEDER, busca facilitar os desprazamentos seguros de peóns e ciclistas neste treito entre o núcleo da Estrada e o polígono industrial de Toedo

Allegue subliña o compromiso da Xunta para “ mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza, mellorar a seguridade viaria é, moi importante, seguir apostando por esa Galicia Calidade”

As empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 22 de xuño

A Estrada (Pontevedra), 27 de maio de 2026

A Xunta licita por 1,1M€ a construción dunha senda peonil e ciclista de preto de 2,4 quilómetros de lonxitude na PO-841 ao seu paso polo Concello da Estrada. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, deu conta hoxe desta nova actuación, que será cofinanciada con fondos europeos FEDER.

Allegue destacou que se trata dun itinerario necesario para mellorar a seguridade viaria neste treito e fomentar a mobilidade sostible. A senda, que terá 1,8 metros de ancho mínimo, transcorrerá entre o núcleo da Estrada e o polígono industrial de Toedo, unha contorna de moito tránsito na que tamén se sitúa o tanatorio e un equipamento deportivo e, como subliñou a conselleira, facilitará os desprazamentos seguros para a veciñanza.

As empresas poderán presentar ofertas ata o 22 de xuño.

A conselleira destacou o compromiso da Xunta en materia de infraestruturas, que ademais de sumar novos quilómetros de estradas cada ano e abordar actuacións de mellora, aposta por este tipo de sendas para acadar estradas máis humanas e sostibles, que permitan ademais hábitos saudables. En definitiva -engadiu-, actuacións no marco do Plan de sendas de Galicia da Xunta, “para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza, mellorar a seguridade viaria é, moi importante, seguir apostando por esa Galicia Calidade”.

A construción desta senda na PO-841 leva aparelladas outras actuacións como a colocación de pavimento podotáctil nos extremos (para indicar o final da mesma). Tamén nas paradas de autobús e nos pasos de peóns (para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade), instalarase pavimento táctil indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo.

As obras incluirán así mesmo a execución de dúas estruturas de formigón prefabricado no lugar en que a senda cruza con dous leitos. Estas novas estruturas realizaranse en paralelo ás existentes, coa finalidade de ampliar a plataforma e gañar espazo suficiente para a execución desta senda.

Ademais, debido á diferencia de nivel entre varias parcelas da zona de actuación coa estrada, proxéctanse uns muros de perpiaños para posibilitar a correcta execución da senda. Tamén se levarán a cabo actuacións complementarias como a adaptación da rede de drenaxe á nova sección transversal da vía, a execución de canalización para comunicacións baixo a senda e a mellora da sinalización.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026